O PP de Foz acusa ao goberno de Cajoto de “abandonar” aos clubs deportivos do municipio

O Partido Popular de Foz cargou contra o executivo municipal que dirixe Fran Cajoto, ao que acusa de manter nunha situación de “abandono absoluto” aos clubs deportivos do concello. Segundo denunciou o portavoz popular, Javier Castiñeira, as entidades seguen sen percibir as subvencións correspondentes aos anos 2023 e 2024, malia as promesas do goberno local de resolver o atraso.
“Xa no mes de marzo levamos esta preocupación ao Pleno, preguntando cantas anualidades quedaban pendentes de pago”, lembrou Castiñeira. “Naquela sesión o alcalde recoñeceu que todas as do 2024 e parte das de 2023 seguían sen abonar, algo que xa nos pareceu moi grave. Prometeu que se pagarían axiña, pero sete meses despois todo continúa igual”, engadiu.
Desde o PP de Foz consideran que esta demora non é un simple problema administrativo, senón unha “manobra deliberada” por parte do goberno socialista. Segundo o grupo popular, o executivo pretende xuntar nun mesmo recoñecemento extraxudicial de crédito as subvencións pendentes cos pagos de facturas con reparos de intervención, derivadas —aseguran— da “mala xestión económica” e da falta dun orzamento actualizado.
“Parece evidente que Cajoto pretende empregar aos clubs deportivos como ferramenta de presión para que o Partido Popular apoie centos de facturas fóra de contabilidade. Iso é un auténtico insulto ao esforzo das directivas e ao labor social destas entidades”, lamentou Castiñeira, quen lembrou que os clubs “mantéñense grazas ao traballo voluntario e ao compromiso coa mocidade e o deporte local”.
O PP esíxelle ao alcalde que separe os pagos en dous expedientes distintos: un dedicado ás subvencións deportivas e outro ás facturas extraxudiciais. “Se non o fai así, verémonos obrigados a votar en contra. Non aceptaremos un chantaxe político que prexudica directamente ao tecido deportivo de Foz”, advertiu o portavoz.
Castiñeira concluíu asegurando que “os clubs non deben pagar as consecuencias da nefasta xestión económica do señor Cajoto, que leva anos acumulando irregularidades, contratando sen respaldo orzamentario e traballando con contas desfasadas”. E engadiu: “Ou presenta os expedientes por separado, ou que non conte co apoio do Partido Popular para limpar os erros da súa propia neglixencia”.