O PP de Foz acusa ao alcalde de perder unha “oportunidade histórica” para impulsar vivenda pública

O voceiro municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, denunciou o que considera un novo fracaso do goberno local, nesta ocasión relacionado coa política de vivenda, un ámbito que cualifica como “un dos problemas máis graves que ten hoxe o concello”. Segundo o popular, o acceso á vivenda en Foz é cada vez máis complicado, con prezos en alza e sen que o Executivo municipal adopte medidas efectivas para reverter esta situación.
Castiñeira lamenta ter coñecemento a través dos medios de comunicación da venda do solar de Vialmar, situado fronte á Casa da Cultura e propiedade da Sareb, a unha empresa privada. Ao seu xuízo, esta operación supón a perda dunha oportunidade clave para destinar ese espazo á construción de vivenda pública. O voceiro do PP asegura que o alcalde tiña ese solar identificado como estratéxico, pero que acabou escapándoselle “por non realizar ningunha xestión seria”.
Desde o PP lembran que existía unha planificación municipal previa sobre ese emprazamento e que se lle solicitou expresamente ao alcalde que negociase a súa cesión gratuíta ao Concello, unha opción que consideran viable ao tratarse dun organismo de carácter estatal. Castiñeira critica que, mentres desde o Goberno central se fala da necesidade de promover vivenda pública, a Sareb optase por vender o solar e o Concello non fixese nada para defender os intereses da veciñanza.
O grupo popular considera incomprensible que o alcalde tentase competir coas empresas privadas en lugar de liderar unha negociación institucional, seguindo o exemplo doutros concellos que si lograron acordos coa Sareb. Para Castiñeira, o balance da xestión municipal redúcese a “anuncios e titulares sen resultados reais”.
O PP de Foz subliña que este episodio non é un feito illado, senón o reflexo de anos de inacción en materia urbanística e de vivenda. Entre outras cuestións, sinalan a falta de desenvolvemento do Plan Xeral, a ausencia de iniciativas nas bolsas de solo reservadas para vivenda pública, a inexistencia de plans de reforma interior na zona antiga e o desaproveitamento de inmobles municipais que poderían destinarse a alugueiro social.
Ademais, Castiñeira lembra que a Xunta de Galicia ofrece axudas de ata 4.000 euros por vivenda para fomentar o alugueiro social, unha liña de apoio que, segundo denuncia, tampouco foi aproveitada polo goberno local. Para o voceiro popular, a perda do solar de Vialmar exemplifica “a falta de iniciativa, de xestión e de peso político” do alcalde, ao que acusa de priorizar o enfrontamento institucional fronte á busca de solucións reais para o futuro de Foz.