O PP de Foz acusa ao alcalde de infrinxir a ROF na adxudicación do servizo da residencia

Foz
AMariñaXa
Os concelleiros do PP de Foz advirten que o rexedor socialista “segue incumprindo a legalidade”
Concelleiros-PP-Foz-en-pleno
8 Ago 2024

O voceiro popular de Foz, Javier Castiñeira, cre que “Cajoto non convoca o pleno porque non quere entregar a acta do pleno pasado no que infrinxiu artigos do ROF en relación á adxudicación do servizo da residencia de maiores”, motivo polo cal “queremos impugnar ese acordo dende o Partido Popular”. Asegura que o alcalde “segue incumprindo a legalidade ao non convocar o pleno ordinario do mes de xullo”.

Lamenta que “o PP de Foz teña que volver denunciar a falta de transparencia e legalidade na que vive o señor Cajoto á hora de dirixir os plenos e tamén de convocalos”. Castiñeira descoñece a razón pola que o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo non foi convocado, a pesar de “ser obrigatorio”. Pero, “o certo é que dende o Grupo Municipal Popular non coñecemos a data de celebración das comisión nin do pleno”.

O popular subliña que se trata dun “pleno importante porque se necesitaría aprobar a acta do pleno anterior no que se adoptou un acordo para a segunda adxudicación do servizo da residencia de maiores sen que o alcalde deixara votar a petición do Grupo Municipal Popular de deixalo enriba da mesa tal e como lle confire o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais”. Nese sentido, “hai un incumprimento grave por parte do alcalde, motivo polo que dende o Partido Popular xa advertimos da nosa intención de impugnalo porque infrinxe artigos do ROF”.

Á vista de que “os concelleiros precisamos esa acta para seguir con este procedemento”, Castiñeira cre que “todo ten relación” e que “Cajoto non convoca o pleno porque non quere entregar a acta do pleno pasado no que infrinxiu artigos do ROF en relación á adxudicación do servizo da residencia de maiores”, motivo polo cal “queremos impugnar ese acordo dende o Partido Popular”.

Castiñeira afea esta “actitude pouco democrática” e de “falta de respecto” por parte do alcalde socialista aos compañeiros da corporación municipal: “xa non só á oposición coma nos cinco anos de goberno, senón incluso aos seus propios socios de goberno, do BNG”. Os populares pídenlle a Cajoto que poña enriba da mesa canto antes a acta transcrita coa totalidade do acontecido na anterior sesión plenaria e que convoque o pleno do mes de xullo porque “xa pasou unha semana do mes de agosto”.

“Os incumprimentos e irregularidades son constantes”, segundo advirte o popular. “Cajoto leva meses sen entregar a documentación dun contrato cunha empresa que os concelleiros do PP lle pedimos no pleno varias veces, cando a lei di que ten 5 días para facelo”. Á vista de que se repiten moito os incumprimentos, “non descartamos denunciar a situación ante a Valedora do Pobo”.

0.18171906471252