O PP de Foz acusa ao alcalde de “enganar á veciñanza” sobre o suplemento de crédito

Foz
AMariñaXa
Os populares reclaman separar os gastos en tres bloques e esixen unha xestión económica “clara e responsable”
Javier-Castineira-PP
24 Nov 2025

O Partido Popular de Foz elevou o ton este luns ao acusar ao alcalde de “enganar deliberadamente á cidadanía” respecto ao suplemento de crédito que o executivo local pretende aprobar no pleno previsto para mañá. O voceiro do grupo, Javier Castiñeira, asegurou que o rexedor proporcionou información “incorrecta e manipulada” tanto á veciñanza como aos representantes de clubs e asociacións cos que mantivo unha xuntanza a fin de semana pasada.

Segundo Castiñeira, na reunión do sábado o alcalde “comezou pedindo desculpas e, acto seguido, volveu dicir cousas que non son certas”. Para o PP, esa actitude “é extremadamente grave” e responde a motivos “claros e intencionados”.

O grupo popular sostén que o alcalde non está sendo sincero en catro aspectos fundamentais. O primeiro, explican, é que asegura que o suplemento de 1,3 millóns de euros non pode dividirse, algo que os populares cualifican de “rotundamente falso”. Castiñeira lembra que a separación é posible e que o que realmente evitaría o alcalde sería “poñer en evidencia a súa propia xestión”: 360.000 euros de 2024 con reparos de intervención e 926.000 euros en facturas sen informar correspondentes ao exercicio 2025.

O segundo punto, indican, é que o goberno local estaría utilizando aos clubes e ás asociacións “como escudo político”. “Dilles que non poden cobrar as subvencións se non se aproba tamén o paquete de facturas irregulares. Iso é exercer presión e usar ás entidades para tapar os seus erros”, afirma Castiñeira.

En terceiro lugar, o PP considera que o alcalde intenta responsabilizar á oposición dunha situación creada —insisten— exclusivamente polo propio goberno. “Non fixeron o orzamento de 2025, gastaron sen autorización e agora pretenden que aprobemos todo xunto. E aínda por riba culpan aos demais. Iso tamén é enganar”, sosteñen.

O cuarto punto no que, ao seu xuízo, o alcalde non di a verdade afecta ás empresas afectadas polo atraso nos pagamentos. “Contratou servizos sabendo que non tiña crédito dispoñible e agora intenta trasladar a culpabilidade ao PP ou ao BNG. Non se pode xogar así co tecido empresarial local”, recalca Castiñeira.

Os populares propoñen dividir o suplemento en tres bloques claramente diferenciados. Tanto o PP como o BNG solicitaron que a votación se realice por separado, de maneira que nun primeiro apartado se inclúan os 360.000 euros correspondentes ás facturas de 2024 que presentan reparos; nun segundo, os 926.000 euros en facturas de 2025 que aínda non contan con informe; e, finalmente, nun terceiro bloque, as subvencións e convenios destinados aos clubs e asociacións, que o PP insiste en aprobar “de inmediato e por separado”.

“Mesturar convenios coas facturas irregulares é unha fraude política. É enganar á xente de maneira consciente”, insiste o voceiro popular.

O Partido Popular asegura que está disposto a aprobar xa no pleno de mañá un suplemento específico para os convenios e axudas pendentes. “Se o alcalde quere pagar aos clubs e asociacións, pode facelo sen máis demora. O que non aceptamos é que se utilice esa necesidade para introducir no mesmo paquete gastos que presentan irregularidades”, conclúe Castiñeira.

⚙ Configurar cookies
0.072162866592407