O PP de Foz acusa ao alcalde Cajoto de xestionar o tráfico con improvisación e favoritismos

Foz
AMariñaXa
Critican cambios de sentido contraditorios e obras sen planificación que xeran malestar entre os veciños e malgastan fondos públicos
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
26 May 2025

O Partido Popular de Foz lanzou duras críticas contra o alcalde Fran Cajoto pola súa xestión da mobilidade urbana, que cualifican de “caótica e sen rumbo”. Segundo denuncian, o mandatario escúdase continuamente nun plan de mobilidade que, en realidade, non aplica de maneira coherente, senón que modifica ao seu antollo segundo as circunstancias, sen avisar nin consultar coa veciñanza.

“Cajoto di que actúa segundo un plan, pero a verdade é que o incumpre cando lle convén e cambia as direccións das rúas sen previo aviso e sen falar coa xente”, afirmou o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira. Para os populares, este xeito de actuar supón un desprezo polo diálogo e pola transparencia.

A formación conservadora considera que a última proba deste xeito arbitrario de gobernar son os recentes cambios de dirección en varias rúas do centro urbano, como Eduardo Pondal, Alfonso X e a rúa Concello de Cervo. Denuncian que estas modificacións contradín o propio plan de mobilidade que o alcalde di seguir, o que, ao seu xuízo, pon en evidencia que nin el mesmo confía nas súas propias decisións.

Desde o PP de Foz pregúntanse “por que nalgúns casos o plan de mobilidade se presenta como un dogma intocable e noutros se incumpre sen explicación ningunha”. Ao seu entender, iso revela unha falta absoluta de rigor e criterio técnico.

A isto súmanse as críticas ao estado das infraestruturas e ás actuacións en materia de obras públicas, que moitos veciños consideran desiguais e arbitrarias. Castiñeira lembrou que rúas como Irmandiños levan máis de dous anos en obras sen rematar, mentres que outras como a rúa Breogán permanecen completamente esquecidas. Ao mesmo tempo, denuncian asfaltados “exprés” feitos con présas nalgúns puntos da vila, que interpretan como actuacións de escaparate sen planificación real.

“O que está pasando é unha chapuza. Os veciños séntense ignorados e non entenden por que unhas rúas se arranxan a toda présa e outras quedan totalmente esquecidas”, lamentou Castiñeira, quen tamén puxo o foco no uso dos fondos da Deputación, que, segundo o PP, están a empregarse en obras innecesarias ou mal priorizadas.

A formación esixe ao goberno local máis seriedade e planificación, así como respecto polos veciños e polos profesionais afectados por este “descontrol absoluto”. “Non se pode gobernar baseándose na improvisación continua nin en criterios persoais ou electoralistas”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.16469120979309