O PP de Foz acusa a Cajoto de utilizar a residencia de maiores como moeda de cambio política

Foz
AMariñaXa
Os populares critican a falta de transparencia do alcalde e reclaman unha xestión municipal pública e con garantías para usuarios e familias
Javier-Castiñeira,-PP-Foz
13 May 2025

O Partido Popular de Foz manifesta a súa profunda indignación tras coñecer, a través da prensa, as intencións do alcalde Francisco Cajoto respecto á residencia de maiores da vila. Para o voceiro popular, Javier Castiñeira, o comportamento do rexedor supón “unha traizón á veciñanza, aos traballadores do centro e á propia soberanía municipal”.

Segundo denuncian desde o PP, Cajoto estaría valorando transferir a titularidade da residencia, construída grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e o anterior goberno municipal popular, a outra administración pública, sen dialogar previamente cos grupos políticos nin coas familias afectadas. “O alcalde segue apostando pola confusión, anunciando pasos importantes sen consenso nin información clara”, sosteñen.

Os populares lembran que a residencia funcionaba correctamente ata que o actual executivo local impuxo tarifas excesivas, sen garantir axudas sociais para quen non poida asumilas. Ante esta situación, o PP rexeita calquera cambio de titularidade se non se asegura un modelo público de xestión municipal e prestación de servizos accesible e digno.

“O señor Cajoto está máis preocupado por financiar festas e proxectos propagandísticos que por manter servizos esenciais. Non imos permitir que a residencia se converta nunha moeda de cambio para tapar outras deficiencias do seu mandato”, subliña Castiñeira.

Por todo isto, o Partido Popular solicita a convocatoria urxente dunha reunión cos voceiros municipais e a plataforma de familiares dos usuarios, para esixir explicacións directas do alcalde e evitar “novos episodios de desinformación e improvisación”.

Desde o PP de Foz insisten na defensa dun modelo de residencia público, xestionado polo Concello, sostible e con garantías sociais, fronte aos que consideran intereses electoralistas do actual equipo de goberno.

⚙ Configurar cookies
0.16084909439087