O PP de Foz acusa a Cajoto de querer gastar 550.000 euros nun solar que pode ser cedido gratis

O Grupo Municipal Popular de Foz criticou con dureza no pleno ordinario celebrado onte a intención do alcalde, Fran Cajoto, de destinar 550.000 euros á compra do solar situado diante da Casa da Cultura. Segundo lembran os populares, ese terreo é propiedade da Sareb e podería ser cedido gratuitamente polo Goberno do Estado, como xa se fixo noutros concellos.
A moción presentada polo PSOE para avalar a compra foi rexeitada cos votos en contra do PP e do BNG. O voceiro popular, Javier Castiñeira, foi claro: “Cajoto quere malgastar máis de medio millón de euros dos veciños nun terreo que se pode conseguir sen custo. Non cumpriu co mandato da Corporación, leva meses escusándose e agora pretende pasar a responsabilidade á Xunta, cando é el quen debe dar o paso fronte ao Estado”.
Desde o PP lembran que xa en abril se aprobou instar ao rexedor a negociar a cesión gratuíta, pero, segundo denuncian, non se fixo nada ata o de agora. “É unha cortina de fume —sinalou Castiñeira— porque sen esas xestións non se poderá asinar ningún convenio nin avanzar en proxectos que beneficiarían a Foz”.
Os populares tamén puxeron o foco na necesidade de vivenda social, lembrando que o Goberno central anunciou a construción de 183.000 vivendas de promoción pública en todo o Estado. “Ese solar podería destinarse a vivenda protexida, que tanta falta fai para a xente nova e as familias con menos recursos. Pero en lugar de reclamar a cesión, Cajoto pretende baleirar as arcas municipais”, engadiu Castiñeira.
O PP considera “inxustificable” pagar por un solar que pode chegar de balde e acusa ao alcalde de actuar con “neglixencia e irresponsabilidade” na defensa dos intereses da veciñanza de Foz.