O PP de Foz acusa a Cajoto de gobernar con prepotencia e de crear confusión coa súa política urbana

O Partido Popular de Foz volveu cargar contra a xestión do alcalde Fran Cajoto, a quen acusan de actuar con “autoritarismo, soberbia e sen contacto coa realidade social e política do municipio”. Segundo o voceiro dos populares, Javier Castiñeira, o rexedor está a gobernar “de costas á veciñanza, sen dialogar coa corporación e ignorando mesmo os informes da Policía Local”.
As principais críticas céntranse nas coñecidas como “illas urbanas”, un proxecto que, segundo o PP, se está a converter na marca persoal de Cajoto, tanto polo seu impacto físico —con beirarrúas mal deseñadas e cruzamentos perigosos sen pasos de peón— como pola maneira de proceder: “Sen contar con ninguén, tomando decisións unilaterais e desprezando a opinión de quen coñece a realidade da rúa”, reprocha Castiñeira.
Desde o grupo popular lamentan que os cambios de tráfico, introducidos sen avisos nin consenso, están a provocar “confusión entre os veciños, desconcerto nos turistas e dificultades para o funcionamento de negocios e servizos locais”. Segundo o voceiro do PP, “hai rúas pechadas sen explicación, outras cambiadas de sentido sen lóxica e zonas que os GPS nin recoñecen; Foz parece un labirinto sen orde nin criterio”.
Ademais, aseguran que o alcalde modificou pola súa conta o plan de mobilidade que encargara ao inicio do mandato, sen informar da nova folla de ruta nin someter os cambios ao debate público. “Fálase moito da participación, pero practícase moi pouco. Decide el só, anuncia cousas pola prensa —cando o fai— e executa sen dar conta a ninguén”, apuntan os populares.
O PP alerta de que o municipio afronta a tempada alta de verán “nun estado lamentable”, con obras sen rematar, lixo acumulado, sinalización contraditoria e unha sensación xeral de desorganización que, ao seu xuízo, prexudica gravemente a imaxe de Foz. “O que vivimos o ano pasado vai quedar curto comparado co caos que se está preparando para este verán”, advertiu Castiñeira.
Por todo isto, desde o PP de Foz reclaman ao alcalde “responsabilidade, diálogo e unha xestión seria, planificada e con sentido común”, co obxectivo de recuperar a confianza da cidadanía e garantir un funcionamento ordenado da vila.