O PP de Cervo defende o funcionamento do SAF e acusa ao PSOE de xerar alarma social

AMariñaXa
Os populares aseguran que a investigación municipal avala a actuación técnica do servizo e rexeitan o seu uso como arma política
dolores-garcia-carames-CERVO
7 Feb 2026

O Partido Popular de Cervo saíu ao paso das informacións e acusacións formuladas nos últimos días arredor do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), asegurando que a investigación realizada polo Concello confirma o correcto funcionamento dun servizo que atende a preto de medio cento de persoas maiores e que é un dos poucos da comarca da Mariña prestado con persoal municipal propio.

Desde o PP subliñan que, en todo momento, se actuou con dilixencia e responsabilidade, resolvendo a situación conforme aos informes técnicos elaborados polos servizos competentes e contrastando as versións das partes implicadas. Segundo indican, non se perdeu tempo nin se tomou ningunha decisión allea aos criterios profesionais que rexen este tipo de servizos sociais.

Os populares consideran que a insistencia do Grupo Socialista en cuestionar o SAF responde a unha estratexia de desgaste político que, ao seu xuízo, está a causar un prexuízo innecesario ás traballadoras do servizo, que se amosan afectadas polas acusacións vertidas. O PP acusa ao PSOE de empregar ás persoas maiores como instrumento de confrontación política, xerando unha polémica que cualifican de irresponsable nun ámbito especialmente sensible.

No transcurso do último pleno municipal, lembran que foi a propia alcaldesa quen tivo que explicar o funcionamento básico do SAF á portavoz socialista, tras evidenciarse, segundo o PP, un descoñecemento do servizo sobre o que se estaban a lanzar acusacións de gravidade. Desde o goberno local sosteñen que o debate se desviou cara a cuestións administrativas secundarias, como a autoría dun documento tipo, un modelo habitual nos departamentos de Servizos Sociais de numerosos concellos, con independencia da súa cor política.

Os populares insisten en que ese documento non implica nin en Cervo nin noutros municipios a renuncia a horas de atención por parte das persoas usuarias, senón que serve unicamente para deixar constancia do uso efectivo do servizo. A pesar diso, denuncian que no pleno se reiteraron mensaxes que consideran falsas, alimentando unha alarma social que afecta á tranquilidade das persoas maiores e das súas familias.

Desde o PP critican tamén que as acusacións se realizasen sen contrastar previamente a información nin solicitar informes técnicos, nin tampouco achegarse ao Concello para coñecer de primeira man a realidade do funcionamento do SAF. Ao seu entender, primouse a difusión de mensaxes alarmistas fronte á verificación rigorosa dos feitos.

O Partido Popular reafirma a súa confianza no equipo de goberno, coa alcaldesa á fronte, e defende que o Servizo de Axuda no Fogar de Cervo funciona con transparencia, criterios técnicos e pleno respecto á legalidade. Aseguran que non existiu nin existe ningunha directriz política orientada a recortar dereitos nin a promover renuncias por parte das persoas usuarias.

Finalmente, o PP destaca que desde o primeiro momento se actuou con máximo respecto cara á persoa maior afectada, á súa familia e tamén á traballadora social sinalada nas acusacións, lembrando a importancia da presunción de inocencia. Trátase, conclúen, dun ámbito que non debe ser politizado nin utilizado para erosionar a imaxe dun servizo público esencial, reiterando o seu compromiso cun SAF público, digno, seguro e orientado á protección das persoas máis vulnerables.

⚙ Configurar cookies
0.078202962875366