O PP de Burela ve carencias no decreto para locais de hostalaría

AMariñaXa
O PP de Burela ve carencias no decretazo para os locais de hostalaría sacado polo alcalde que regula a situación das mesas.
6 Mar 2021

O PP de Burela ve carencias no decretazo para os locais de hostalaría sacado polo alcalde. “É positivo e lóxico que dende o Concello se teña algún tipo de control da situación das mesas no interior e no exterior dos locais de hostalaría da nosa vila, especialmente coa pandemia que se está a vivir. O que xa non é tan positivo nin tan lóxico é que se meta aos profesionais da hostalaría da nosa vila nun fregado burocrático cando o propio concello ten técnicos na materia que, perfectamente, podería colaborar cos hostaleiros para facer eses planos de situación que se lles require por medio deste decreto, aparentemente, non consensuado cos profesionais do sector”, indican os populares.

E seguen, “no que se refire ao tema das terrazas, con este decreto, o alcalde Llano, dalgún xeito ben a recoñecer dunha maneira totalmente implícita, que non existe dende a propia administración local un control rigoroso nin exhaustivo das mesmas. É máis, o que se desprende da propia lectura do decreto é que algunhas desas terrazas poderían estar irregulares, sendo o Concello coñecedor deste feito e consentindo o mesmo, o que podería estar provocando entre os hostaleiros de Burela un claro agravio comparativo, xa que uns terían recoñecida oficialmente esa terraza, e estarían aboando a correspondente taxa, e outros non”.

“Se isto se chega a comprobar a situación derivada é gravísima porque o socialista e o seu equipo de goberno estarían a prestarlle un clarísimo trato de favor a algún ou algúns hostaleiros da nosa vila, prexudicando deste xeito ao resto”, manifestan con contundencia os populares.

Dende o PP consideran que, “se con este paso o que se pretende é regularizar a situación das terrazas, de forma totalmente razoable, o paso previo debería de ser crear unha ordenanza municipal para elo, regulando así a colocación destas, coa correspondente colaboración dos propios hostaleiros na súa redacción, non estando de máis que buscara o consenso coa oposición”.

Os populares aclaran que esta posible ordenanza é algo que xa anunciara no seu día o alcalde, alá polo ano 2016 “pero, como todo o que anuncia o Sr. Llano, quedou en nada”. Finalmente, consideran “imperiosamente necesario que dende a alcaldía se saque por fin unha liña clara de axudas directas ao sector da hostalaría, pois é francamente raro que a estas alturas do ano, a primeiros de marzo do ano 2021, tanto os profesionais deste sector coma o de outros da nosa vila, aínda non cobraran nin un só céntimo de todo o que se comprometera a dar o goberno local do Sr. Llano alá polo verán do ano 2020”.

0.187824010849