O PP de Burela saca á luz facturas de máis de 35.000 euros en consultorías
Os concelleiros populares de Burela amosan a súa sorpresa ante “as escusas da alcaldesa e o goberno bipartito dicindo que non ten cartos para sufragar o custe de servizos esenciais demandados polos propios veciños” cando “está a dirixir os cartos de tódolos veciños a gastos que non se producían no pasado ou aos que se dirixían cantidades máis reducidas”.
O portavoz, Manuel Rouco, refírese “ás facturas que o Grupo Municipal Popular sacou á luz no último pleno por valor de máis de 35.000 euros”: case 20.000 euros en consultorías de Pontevedra e A Coruña de asesoramento técnico, preto de 11.000 euros en comunicación e 5.000 euros no que vai de ano en protocolo, “algo que antes nunca sucedera”.
O popular afea que “o goberno local recorra ao asesoramento técnico externo como se no Concello non houbera persoal cualificado para este fin” e engade: “parece que a señora López Moreno precisa que lle digan tamén onde se ten que sentar e como dirixirse aos seus propios veciños”. “A señora López Moreno segue engordando a caixa de gastos” que son “dificilmente explicables” como é o caso dos “case 4.000 euros abonados en concepto de transporte sen que no detalle figure o desprazamento efectuado”.
Tamén hai “facturas pagadas pola alcaldesa que non teñen asignada nin contía nin datos sobre a empresa ou autónomo que as emite”. Neste novo lote, “son tres, concretamente”. Os populares aseguran que “entendemos agora a negativa da alcaldesa á hora de contratar máis policías locais argumentando que era moi custoso. Se non se dilapidaran os cartos dos veciños de Burela en cuestións coma estas, seguramente si lle sairían as contas á señora López Moreno para aumentar a seguridade que demandan os veciños e veciñas de Burela”.