O PP de Burela reclama unha solución para a “inxusta inseguridade xurídica” das terrazas de hostalería

AMariñaXa
Os populares propoñen no pleno municipal unha alternativa á ordenanza vixente, que deixa a numerosos locais en situación irregular
PP-Burela-Manuel-Rouco-2023
29 May 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Burela levará ao próximo pleno unha iniciativa coa que busca corrixir a situación de “inxustiza legal” que, segundo denuncian, afecta a unha parte importante do sector hostaleiro do municipio. A raíz da nova ordenanza de terrazas aprobada polo goberno local no primeiro trimestre de 2024, numerosos locais quedaron “sen cobertura legal efectiva” ao non teren conseguido adaptarse ás novas esixencias establecidas.

Ata comezos dese ano, a hostalería operaba sen unha normativa específica municipal sobre terrazas, o que, segundo os populares, permitía unha certa marxe de manobra legal. Porén, coa entrada en vigor da nova ordenanza impulsada polo executivo bipartito liderado pola alcaldesa López Moreno, o panorama mudou radicalmente. A nova normativa establecía un prazo dun ano para que os establecementos se axustasen aos novos requisitos, un tempo que moitos non puideron cumprir.

“Hoxe en día, moitos locais están en situación de irregularidade, o que pode derivar en sancións administrativas. E todo pola incapacidade do goberno de xestionar de forma razoable esta transición”, explicou o voceiro do PP local, Manuel Rouco.

Desde as filas populares denuncian que a alcaldesa e o seu equipo están a manter unha actitude de pasividade, evitando actuar malia que a normativa xa está en vigor e os locais non a cumpren. “Se a señora López Moreno ten intención de facer cumprir a súa ordenanza, debería empezar a multar a unha parte importante dos negocios locais, algo que sería tan inxusto como contraproducente”, sinalou Rouco.

A proposta que o PP presentará no pleno busca restablecer a seguridade xurídica para os hostaleiros e evitar consecuencias económicas negativas para negocios que, segundo Rouco, “levan anos dinamizando a vida social e contribuíndo á economía local”.

“O noso obxectivo é apoiar aos emprendedores e autónomos que loitan por manter abertos os seus negocios, especialmente nun contexto tan complexo como o actual. A nosa proposta ofrece unha alternativa sensata e urxente, para que a hostalería de Burela non siga sendo vítima da improvisación constante do goberno municipal”, concluíu o portavoz popular.

⚙ Configurar cookies
0.13722586631775