O PP de Burela reclama transparencia nas contas das festas patronais de 2025

AMariñaXa
O grupo popular leva ao pleno unha moción para que se fagan públicas as achegas económicas, os gastos desglosados e os contratos vinculados aos festexos
Burela-Manuel-Rouco-foto-2025
6 Aug 2025

O Grupo Municipal Popular de Burela presentará no pleno deste xoves unha proposta destinada a reforzar a transparencia na xestión municipal, centrada especialmente nas contas das festas patronais de 2025. A moción pretende que se publique toda a información relativa aos ingresos e gastos vinculados ao evento, tanto na web do Concello como nos espazos oficiais de comunicación.

Segundo indicou o portavoz do PP, esta demanda responde á necesidade de “achegar luz sobre unhas contas que a día de hoxe seguen sen estar accesibles para a cidadanía”. Os populares insisten en que a súa intención é que “se fagan públicas todas as achegas económicas recibidas, tanto do propio Concello como doutras administracións ou patrocinadores privados, e que se detalle en que se gastaron eses fondos: actuacións, montaxe de infraestruturas, publicidade ou calquera outro concepto relacionado co evento”.

A formación lembra que xa en 2024 solicitaran explicacións similares, aínda que daquela foi a través dunha pregunta oral no pleno. “A concelleira de Economía e Facenda limitouse a ler unhas cifras de viva voz que nunca chegaron a publicarse oficialmente, e que ademais non cadraban coas cantidades anunciadas publicamente polo propio Concello”, afirman desde o PP local.

O grupo popular aproveita tamén a ocasión para criticar o que consideran unha falla de transparencia por parte do goberno municipal. “O portal de transparencia continúa sen actualizar, malia ser unha obriga legal, e isto demostra unha actitude de escurantismo que se repite ao longo do mandato”, sosteñen.

A moción inclúe a solicitude de publicar copias dos contratos, convenios ou acordos asinados en relación coas festas, así como a identificación das partidas orzamentarias municipais utilizadas para o seu financiamento. “Todo isto é lóxico, razoable e propio dun sistema democrático san”, subliñan.

Por último, o PP pide o apoio do resto da corporación municipal, incluído o equipo de goberno. “Agardamos que esta vez apoien a proposta e deixen atrás a opacidade coa que están a actuar. A veciñanza de Burela merece saber como e onde se inviste o diñeiro público”, conclúe o portavoz.

⚙ Configurar cookies
0.1503119468689