O PP de Burela reclama que parte das antigas casas dos mestres se destinen a vivenda social

O Partido Popular de Burela saíu ao paso do recente anuncio do goberno local sobre o acondicionamento das antigas casas dos mestres na zona dos Castros, un proxecto que, segundo lembran, “leva o selo do PP” e que fora impulsado durante o seu mandato. Os populares explican que aquelas vivendas foran xa rehabilitadas mediante un obradoiro de emprego financiado pola Xunta de Galicia, co obxectivo de cedelas a distintas asociacións do municipio.
Porén, apuntan que o plan quedou “completamente paralizado” cando o PSOE accedeu ao goberno municipal no ano 2015, e que desde entón non se avanzou na cesión das instalacións. “Celebramos que a señora López tivera a ben recuperar este proxecto e asumilo como propio, aínda que chegue con anos de atraso”, sinalan os concelleiros do PP.
A formación popular considera, con todo, que a situación social e habitacional de Burela “cambiou moito” nos últimos anos, e subliñan que o municipio non conta actualmente con vivendas sociais dispoñibles para as persoas que máis o precisan. Por iso, propoñen que parte destas casas dos Castros poidan reservarse con fins sociais, combinando así o uso para asociacións co de vivenda de carácter público.
“Non dicimos que todas deban destinarse a ese fin, pero algunhas poderían servir para atender as necesidades de veciños en situación vulnerable”, apuntan desde o grupo popular. Ademais, sinalan que existen outras posibles localizacións en Burela —máis amplas e axeitadas— que poderían acoller ás asociacións locais se se establecen acordos coas diferentes administracións.
Os concelleiros conclúen que “é positivo recuperar un proxecto útil e que naceu da nosa formación, pero debe facerse adaptándoo ao momento actual e ás novas demandas da vila”.