O PP de Burela reclama ao goberno local que cumpra a Lei de Benestar Animal

O Partido Popular de Burela trasladará ao próximo pleno municipal unha petición formal para que o goberno bipartito que lidera a alcaldesa López Moreno execute as obrigas que, lembran, establece a Lei 7/2023 de protección dos dereitos e benestar dos animais.
O Grupo Municipal Popular require que o Concello proceda “de maneira inmediata” á identificación de todas as colonias felinas existentes no municipio. Ademais, solicita que se adopte e se poña en marcha o método CER —captura, esterilización e retorno—, que consideran o sistema “máis ético e eficaz” para a xestión destas colonias. Do mesmo modo, o PP demanda a creación dun servizo de urxencias operativa as 24 horas para a recollida, aloxamento e atención de animais perdidos ou abandonados, tal e como determina a normativa estatal.
Os concelleiros populares expresan a súa preocupación porque, segundo indican, “teñen que ser as asociacións e colectivos os que estean a suplir estas carencias”. Critican que o Concello de Burela non estea a cumprir o establecido pola lei, a pesar de que, lembran, xa pasaron dous anos desde a súa aprobación e finalizou tamén o período de prórroga previsto.
Desde o Partido Popular insisten en reclamar á alcaldesa “o cumprimento da normativa”, incluída unha lei aprobada, puntualizan, por un executivo da mesma cor política que o actual goberno municipal no Estado