O PP de Burela propón a restauración e posta en valor da casa do caminero

AMariñaXa
O PP de Burela propón a restauración e posta en valor da casa do caminero, xa que o seu estado supón unha “deplorable imaxe” para a vila
31 Mar 2022

O Grupo Municipal Popular de Burela propón a execución dun proxecto de restauración e posta en valor da casa do caminero, unha vivenda que forma parte da historia da nosa vila.

Os populares defenderán no vindeiro pleno que se recupere de forma que poida ser empregada para usos sociais, culturais, formativos ou divulgativos.  “É un ben de titularidade municipal e, polo tanto, é obriga do Concello protexelo e coidalo”, sinala o voceiro, Manuel Rouco.

Rouco que subliña que “está caendo a cachos” e, polo tanto, lamenta a “deplorable imaxe que supón o seu mal estado para as persoas que visitan Burela porque é a primeira casa que se encontran na entrada á vila vindo dende o veciño Concello de Cervo. Desafortunadamente, o seu estado é un bo reflexo da situación na que se atopa a Burela de hoxe en día”, conclúe.

DEFENSA E CONSERVACIÓN DOS EMBLEMAS DA VILA

Os populares agardan, nesta ocasión, que “a diferenza do que fixeron ao longo deste mandato, o goberno do señor Llano teña a ben apoiar esta iniciativa do Grupo Municipal Popular para a defensa e a conservación doutro emblema da rica historia da nosa vila”.

Rouco lembra que “recentemente se opuxo á homenaxe pública a Arcadio Pardiñas, unha figura que asentou xunto ao resto das persoas que formaban as corporacións presididas por el mesmo, os cementos da Burela actual”. E, así mesmo, “o goberno do señor Llano tamén se opuxo á reciclaxe de todo ou parte do molde do actual faro de Burela e situalo na rotonda de entrada da nosa vila dende o concello de Foz”.

0.057381868362427