O PP de Burela pide ao Concello a facer públicas as contas das patronais desglosando o gasto municipal
Os concelleiros do PP de Burela convidan ao Goberno bipartito a “facer públicas as contas das festas patronais desglosando os gastos para comprobar se están tódolos gastos que realmente se fixeron por parte do Concello”. Os populares explican que “no pleno a concelleira de Economía, Patricia Eijo, deu unha serie de cifras no pleno que sumadas dan uns 63.000 euros; cando dixo que había 81.000 euros de gasto”. Co desglose punto por punto, “poderemos comprobar se coincide cos datos explicados no pleno”.
“A concelleira di que foi clara no pleno, pero calquera pode facer as contas e comprobar que as cifras que relatou apenas suman 63.000 euros. Hai, polo tanto, unha diferencia de 18.000 euros con respecto ao que din que gastaron”, expoñen. “E aínda así non é certo tampouco porque se gastou máis” á vista das contías que o Concello aportou á comisión de festas e ás que tiveron acceso os membros do Grupo Municipal Popular.
Nese sentido, aseguran que “están falseando as contas. Non entendemos por qué o goberno bipartito continúa mentindo e burlándose dos veciños e veciñas de Burela”. O portavoz, Manuel Rouco, explica que “unha vez máis queda retratada unha concelleira da que esperabamos bastante máis”. O popular engade que “calquera que siga a nosa actividade nos plenos ou a través das redes sociais sabe quen comproba as cousas e quen só di mentiras”.
Segundo o Concello, o Goberno municipal "achegou 81.000 euros e a Deputación 17.000 euros". Así o expresa a concelleira de Festas e de Economía e Facenda, Patricia Eijo, que lamenta que "o PP de Burela xogue sempre a confundir aos veciños e
veciñas, non é nada novo". O portavoz local do PP, Manuel Rouco, acusou ao Goberno municipal de non explicar no pleno os gastos das festas e afirmou que foron superiores aos 81.000 euros anunciados. No último pleno explicouse, "que a aportación económica do Concello para as festas patronais foi de 81.000 euros, subliña Eijo. "Eses 17.000 euros que ao señor Rouco non lle cadraron no Pleno xa lle explicamos que veñen da subvención do Plan Único da Deputación", apunta a concelleira.
"Grazas a esta institución e ao Concello podemos ter as festas que Burela merece", engadiu. Eijo lamentou que o voceiro do PP en Burela falase no pleno dunha suposta "cifra que anda circulando por aí" sen concretar de onde saíu dita cifra. Recriminou aos populares que "engordan cifras, dan datos de oídas e non saber manexar facturas, demostran non dominar o básico da xestión económica dun concello". "Explicamos no Pleno a aportación municipal de forma clara, e ademáis,
lembramos que desde hai anos a Comisión de Festas non pide colaboración económica polas casas, sendo o Concello quen aporta uns 8 euros por persoa censada", destaca a concelleira de Facenda.
Entre os 81.000 euros aportados polo Concello para as festas inclúense gastos como os 3.500 euros para adecuar o piso do campo da festa, os 9.382,56 euros do elevador para cortar o verde da alfombra e material como flores ou tintes, os 35.000 euros da subvención que se lle concede á asociación das festas ou os 10.088 euros da taxas de portos. "Por suposto, colaboramos coas asociacións, como a das festas patronais ou a da alfombra floral, para sacar adiante as propostas e eventos da nosa vila", indicou Eijo.