O PP de Burela leva ao pleno propostas sobre a limpeza en centros municipais e o cuartel da Garda Civil

AMariñaXa
Os populares reclaman transparencia na contratación e esixen ao Goberno central a reforma pendente do acuartelamento
Burela-Manuel-Rouco-foto-2025
25 Mar 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular en Burela presentará no pleno deste xoves dúas iniciativas centradas en cuestións que consideran prioritarias para o municipio: a situación do servizo de limpeza nos centros escolares e edificios municipais e a remodelación do cuartel da Garda Civil.

En relación coa primeira proposta, o portavoz popular, Manuel Rouco, sinala que o obxectivo é “regularizar e clarificar o contrato do servizo de limpeza mediante un proceso público e transparente”. Segundo indica, este contrato leva anos prorrogándose de forma tácita, sen adaptarse á normativa vixente en materia de contratación pública. Por este motivo, instan ao goberno local a sacar o servizo a concurso e corrixir unha situación que cualifican de irregular.

Por outra banda, o PP tamén solicita ao Pleno que inste ao Goberno central, a través do Ministerio do Interior, a cumprir co compromiso adquirido para a remodelación do cuartel da Garda Civil de Burela, un proxecto anunciado a comezos de 2022 e valorado nuns sete millóns de euros. Rouco lembra que, desde aquela presentación inicial, non se produciron avances nin comunicacións oficiais sobre o estado da actuación.

Os populares subliñan a importancia desta infraestrutura para a seguridade da comarca da Mariña, ao tratarse dun acuartelamento que presta servizo a varios municipios. Neste sentido, destacan que a mellora das instalacións resulta necesaria tanto para garantir as condicións de traballo dos axentes como para ofrecer unha atención axeitada á cidadanía.

0.11791396141052