O PP de Burela lamentan que “á alcaldesa non lle preocupa a seguridade dos veciños"
Os concelleiros populares de Burela comprobaron, tralo último pleno, que “a alcaldesa continúa a repetir os mesmos erros levando a Pleno a aprobación de varios asuntos sen a totalidade dos informes ou documentación requirida, como advertía o informe de Secretaría”. Así, os populares advirten que “a señora López Moreno daralle adiante a tódolos expedientes que ela queira sexan irregulares ou non, ilegais ou non” á vista de que “fixo caso omiso ao Grupo Municipal Popular cando lle advertiu que a aprobación da modificación puntual da RPT que levaba a pleno para o seu debate e votación sería nulo de pleno dereito por faltar dous informes que son preceptivos por lei”.
Finalmente, o equipo de goberno de PSOE e BNG aprobaron este expediente a pesar de que, tal e como figura en numerosas sentenzas ditadas en varias comunidades de España é nulo de pleno dereito”. Polo tanto, “pode ser tumbado polos tribunais”. Por outra banda, condenan os edís do Partido Popular que “á alcaldesa non lle preocupa a seguridade da cidadanía” porque “é a segunda vez que o Grupo Municipal Popular leva a pleno a ampliación do plantel da Policía Local ata o máximo que permite a actual RPT e, se é posible, ampliar aínda máis ata completar as tres quendas (mañá, tarde e noite)”.
Os populares defenden que “a presenza de efectivos da Policía Local pode ter un efecto disuasorio”. O portavoz, Manuel Rouco, lamenta que “a señora López Moreno se negara a apoiar esta iniciativa -que ía en consonancia cunha das demandas que fixo pública recentemente a asociación de veciños O Vencello- dicindo que era un custo excesivo. Non podemos entender que lle poña prezo á seguridade dos veciños”. É máis, “terá que explicárllelo ás persoas que sufriron algún tipo de altercado: os comerciantes que sufriron roubos ata en tres ocasións ou á señora que sufriu recentemente un tirón no centro de Burela...”.
Así mesmo, lembran que “tamén houbo incidentes violentos e actos vandálicos fai pouco”. Finalmente, “aqueles que pedían respecto á diversidade de criterios e á convivencia, son os que peores formas mostraron no pleno, tal e como é habitual no último ano de mandato”. Os populares condenan “os insultos da alcaldesa a un concelleiro do noso grupo ou as difamacións continuas”. Neste sentido, “a rexedora socialista dedicouse a repartir carnés de bos e malos veciños de Burela alegando que, os que non opinan coma ela, non querían a nosa vila. Isto demostra, ás claras, a deriva totalitarista do goberno da señora López Moreno”, conclúen.