O PP de Burela lamenta que PSOE e BNG se opoñan a instalar puntos de recarga para vehículos eléctricos

AMariñaXa
O PP de Burela lamenta que PSOE e BNG se opoñan a instalar puntos de recarga para vehículos eléctricos no Concello
15 Feb 2022

O presidente do PP de Burela e voceiro do Grupo Municipal Popular, Manuel Rouco, considera moi positivo que “outro membro da agrupación local de Burela forme parte das comisións de traballo do Partido Popular a nivel provincial, autonómico ou nacional”. 

Así o manifesta tralo seu nomeamento como membro do Comisión de Medio Ambiente do PPdeG que preside a conselleira Ángeles Vázquez e á que lle traslada o seu agradecemento por telo en conta “para sumar dentro do grupo de traballo desta comisión e, particularmente, neste ano no que a propia conselleira denominou como do medio ambiente debido á nova lexislación na que se está a traballar”.

Precisamente en materia de medio ambiente, o Grupo Municipal Popular de Burela defendía no último pleno ordinario unha proposta coa que pretendía que “o Concello de Burela liderara a comarca da Mariña na loita contra a descarbonización mediante a creación de puntos de recarga para vehículos eléctricos de carácter municipal, unha forma de anticiparse ao futuro tecnolóxico que xa está chamando ás nosas portas”.

COLABORACIÓN

Rouco explica que “por desgraza, tanto o PSOE do señor Llano coma o BNG do señor Pillado -dúas formacións que sempre se autovenden como defensoras do medio ambiente- opuxéronse á nosa proposta facendo gala, unha vez máis, do seu sectarismo político e esgrimindo a súa bandeira habitual de facer oposición da oposición”.

“O Partido Popular de Burela, a diferenza destas dúas formacións que se uniron para lastrar o día a día da nosa vila, cremos que as boas ideas razoables e con sentido que poden favorecer á veciñanza deben ser apoiadas independentemente da súa orixe”, manifesta o popular.

Os populares aplauden “o sucedáneo” da súa proposta anunciado polo señor Llano nos medios de comunicación de cara ao fomento dos puntos de recarga para vehículos eléctricos en Burela aínda que “isto nos volve sonar como un brinde ao sol por parte do señor Llano para tratar de salvar a cara neste asunto”. Rouco engade que “tamén aplaudimos o plaxio do noso programa electoral por parte do goberno local en relación á creación de hortos urbanos”. 

Rouco engade que “sendo conscientes das carencias de ideas, xa lle tendemos a man para poñernos á súa disposición e explicarlle o que estime oportuno para poñer a funcionar este proxecto. Porque dende o Partido Popular cremos na colaboración política co obxectivo de mellorar o día a día dos nosos veciños e veciñas independentemente da ideoloxía particular de cadaquén. Oxalá outras formacións municipais seguiran esta filosofía. O concello de Burela habíao agradecer”.

0.072396993637085