O PP de Burela lamenta a “hipocrisía do alcalde con respecto á limpeza de fincas"
Os membros do Grupo Municipal Popular de Burela consideran que “o alcalde foi cómplice, durante todo este último ano, do que el mesmo denomina problema medioambiental, de salubridade e de risco de incendio do que agora culpa aos propietarios e propietarias das fincas da nosa vila” e polo que, esta semana pasada, anunciou que o Concello se está a facer responsable subsidiario da limpeza desas fincas que non foron rozadas.
O voceiro popular, Manuel Rouco, explica que “dende o noso Grupo se lle advertiu en numerosas ocasións -a través dos medios de comunicación e tamén nos plenos, como se pode comprobar nas súas actas- que o Concello debía colaborar cos propietarios das fincas de Burela, actuando de forma subsidiaria, tal e como o establece a lei, para facerse cargo da limpeza daquelas fincas que non cumprían cos debidos requisitos de ornato e limpeza”.
Rouco sinala que “durante todo este tempo fixo caso omiso, en todas e cada unha das numerosas ocasións en que se lle advertiu esta situación, polo que nos parece francamente hipócrita a actitude do rexedor municipal ao esixirlle á veciñanza de Burela que cumpra coa lei cando el non está a dar exemplo diso mesmo. Consideramos, polo tanto, que debería de ser un pouco máis comedido á hora de sinalar tan descaradamente aos veciños e veciñas de Burela xa que el foi corresponsable desta situación, que agora considera tan alarmante”, e insisten, “cando a pesares de tódalas numerosas advertencias que lle fixemos ao respecto, o único que fixo foi mirar para outro lado”.
Verquidos
Os populares comproban con incredulidade, por outra banda, como “o Sr. Llano atopa día a día novas formas de poñer en risco o presente e o futuro da nosa vila, nesta ocasión no referente ao turismo, cunha canalización que desemboca na propia praia da Marosa e que ante o asombro dos propios veciños e os turistas que alí se atopaban, se puxo a verter auga á propia praia que na actualidade conta cunha bandeira azul. Segundo se nos indicou, o cheiro da auga que de alí saía era pestilente”, remarcan.
“Non acabamos de entender por qué o Sr. Llano se empeña en darlle a razón aos promotores da bandeira negra para Burela, pois con este tipo de situacións, iso parece que é o que pretende”, segundo condenan dende o Grupo do PP.
“Dende o Grupo Municipal Popular entendemos que esa canalización conta con tódolos permisos de Costas e que, con total seguridade, está preparada para aliviar augas pluviais. O que non pode ser é que se efectuara a contratación da recollida do lixo e limpeza viaria máis cara da historia do Concello de Burela, a cal ten como misión, entre outras, manter limpos os sumidoiros da nosa vila, e que se deixara sen limpar o que evacúa cara a un dos emblemas de Burela, a praia da Marosa”.
Os populares diríxense ao alcalde dicindo que “é precisamente para este tipo de toma de decisións tan simples polo que vostede, Sr. Llano, cobra de tódolos veciños da nosa vila un dos maiores soldos de toda A Mariña como alcalde” e convídano a “facerse merecedor del”.