O PP de Burela insta ao goberno bipartito a mellorar a información á veciñanza
O PP de Burela esixe ao goberno bipartito mellorar a información aos veciños e veciñas no referente á actividade municipal e tratar de erradicar, na medida do posible, bulos, mentiras e desinformación.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular defenderán no pleno deste xoves dúas iniciativas: unha para facilitar o acceso á visualización dos plenos e outra para evitar mensaxes partidistas a través dos medios do Concello.
O portavoz, Manuel Rouco, explica: “Solicitaremos ao goberno bipartito que encabeza a señora López Moreno que facilite a visualización dos plenos -tanto ordinarios coma extraordinarios- non só publicando o enlace na páxina web municipal, senón tamén facilitando accesos directos a través das diferentes canles de comunicación do Concello como, por exemplo, as súas redes sociais oficiais (Facebook, WhatsApp...).
Igualmente, os populares advirten sobre a forma de comunicar deste goberno bipartito e piden que “a comunicación institucional sexa iso: institucional”. Dende o PP condenan que “se empreguen as canles de comunicación do Concello para facer propaganda electoral dalgunha das formacións que integran o bipartito”.
Rouco cre que “a comunicación do Concello que traslade o goberno debe estar afastada de calquera tipo de valoración política”. No caso de que calquera dos membros do goberno queiran facer valoracións partidistas, “son absolutamente libres de facelo, pero empregando as canles de comunicación das súas correspondentes formacións”.
Os concelleiros do PP confían en que estas iniciativas teñan boa acollida entre as distintas formacións que compoñen a corporación municipal e que “o goberno local poña en práctica aquilo que se desgañita en proclamar: que non todo en política vale”, conclúen.