O PP de Burela di que non hai motivos para adiar o pleno de xaneiro

TerraChaXa | AMariñaXa
Manuel Rouco, candidato do PP á Alcaldía de Burela, considera que “non hai motivos reais para adiar o Pleno ordinario do mes de xaneiro, que se tiña que ter celebrado o pasado 31 e se vai celebrar este vindeiro xoves, agás que o alcalde xa non sexa capaz de levar asuntos de calado ao Pleno, algo que xa vén pasando durante estes xa preto de catro anos”.
4 Feb 2019

Manuel Rouco, candidato do PP á Alcaldía de Burela, considera que “non hai motivos reais para adiar o Pleno ordinario do mes de xaneiro, que se tiña que ter celebrado o pasado 31 e se vai celebrar este vindeiro xoves, agás que o alcalde xa non sexa capaz de levar asuntos de calado ao Pleno, algo que xa vén pasando durante estes xa preto de catro anos”.

O popular apunta que “xa sabemos que o Pleno de organización do Concello fixou unha marxe para a celebración dos plenos ordinarios; pero, neste caso, a xustificación de FITUR non cola porque foi hai dez días. Máis sorprendente aínda resulta o retraso cando o alcalde nos culpou de adiar a entrada en vigor dos orzamentos para o presente exercicio 2019 por ter presentadas unhas alegacións e agora vemos que quen en realidade retrasa a aplicación dos orzamentos é o propio alcalde, xa que tarda demasiado en levar a Pleno a resolución das nosas alegacións. Outra máis do sen fin de contradicións nas que cae Alfredo Llano e que non nos colle por sorpresa”.

Promoción do emprego

Manuel Rouco anunciou tamén que o Grupo Municipal Popular presentará unha moción para que “o Concello elabore un plan estratéxico para levar a cabo a inserción laboral das persoas que realicen cursos, obradoiros, e outras actividades de formación organizadas directa ou indirectamente polo Concello. Este plan debe dirixirse ao propio Concello para que teña en conta eses cursos á hora de elaborar bases de contratación de persoas e tamén dirixirse ás empresas que dun xeito ou doutro traballan co Concello de Burela. O Concello non debe limitarse a organizar actividades de formación, senón tentar de acadar a maior porcentaxe de inserción laboral das persoas que as realizan”.

Beirarrúas na estrada a Rúa

O candidato popular á alcaldía considera que “a estrada de Deputación que vai de Burela a Rúa é transitada na época de verán por persoas que suben a pasear ou achegar ao cemiterio da Puida. Agora mesmo non hai marxes de seguridade polo que a Deputación ben podería construír beirarrúas, polo menos nunha marxe, desde o Cuartel da Garda Civil ata o cemiterio, con cargo ás partidas de mantemento, conservación e mellora da rede viaria provincial. Por iso, presentaremos unha moción para o que o Pleno demande da Deputación tal actuación que nos parece fundamental e que sabemos que é demandada por parte dos veciños”.

0.19366097450256