O PP de Burela denuncia cortes continuos de auga no barrio da Casilla, do Vilar e no Castro

AMariñaXa
Os concelleiros do PP condenan “a falta de dedicación da alcaldesa, a señora López Moreno, á hora de poñer solucións"
Casa_concello_Burela
25 Xul 2024

Os concelleiros do PP condenan “a falta de dedicación da alcaldesa, a señora López Moreno, á hora de poñer solucións aos problemas relacionados coas necesidades máis básicas dos veciños e veciñas de Burela”. Os populares fan referencia “aos cortes de auga continuos que sofren os veciños do barrio da Casilla, do Vilar e parte dos veciños do Castro; especialmente no verán a partir das oito da tarde”.

Dende o Grupo Municipal Popular explican que “se o que busca a alcaldesa é fogos de artificio, ela saberá; máis o que podemos comprobar no día a día é que os veciños e veciñas queren solucións reais a problemas reais, demandas que dende o Partido Popular temos posto enriba da mesa”. Os propios veciños lles trasladan que “xa fai tempo que non poden contar co subministro de auga nin sequera para cubrir as necesidades máis básicas”.

Advirten que “xa se podería ter solucionado se o goberno local do anterior mandato-do que formaba parte a señora López Moreno- ou incluso o actual bipartito houberan feito caso das indicacións do Partido Popular e invertido tempo en realizar un proxecto para actuar e dar solución a esta situación tan lamentable. Nese caso, si se dedicarían os recursos municipais a unha causa xusta”.

Os populares pregúntanse como se pode esperar que Burela abandone o furgón de cola dos Concellos da Mariña se o goberno local non é capaz de cubrir as necesidades máis básicas de tódolos veciños e veciñas” e “que está a facer a alcaldesa para mellorar, a efectos prácticos, as condicións de vida dos bureleses; máis alá da propaganda de autobombo á que nos ten acostumados”. Por loutra banda, o PP de Burela condena enerxicamente o acto vandálico no lugar de Pomeda en relación ao incendio que sufriu o castiñeiro centenario reconvertido a banco e que foi “destruído de forma triste e lamentable”.

0.20811295509338