O PP de Burela da a coñecer a candidatura completa ás eleccións municipais

TerraChaXa | AMariñaXa
O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, da a coñecer a candidatura completa de cara ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio despois de avanzar xa nos últimos días algúns nomes que integrarán “este novo proxecto do PP para Burela”.
21 Abr 2019

O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, da a coñecer a candidatura completa de cara ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio despois de avanzar xa nos últimos días algúns nomes que integrarán “este novo proxecto do PP para Burela”. As restantes integracións son Yovana Oroza, Javier Pardeiro, Miguel Díaz Ramos, Carlos Saa, Marina López e Aitana Rodríguez.

Yovana Oroza Castro, natural de Burela, representa “un deses novos grandes talentos da nosa vila por descubrir”. Así o manifesta Rouco explicando que “é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e desenvolve a súa actividade profesional na propia vila. É tamén auditora e técnica en certificación enerxética de edificios e conta con másters universitarios en formación do profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Prevención de Riscos Laborais.

Javier Pardeiro Casabella, moi coñecido nesta súa vila natal pola súa faceta de xogador profesional de fútbol sala no equipo local e como exitoso adestrador, a posteriori, do equipo feminino co que conseguiu o fito de ser campión de Liga e Copa o mesmo ano. “Administrativo de formación, na actualidade colabora na xestión dunha asociación cultural e deportiva dun concello mariñao onde tamén adestra ao seu equipo de fútbol sala”, engade o alcaldable popular.

Pola súa banda, Miguel Díaz Ramos, tamén natural do municipio burelao, “forma parte dese relevo xeracional profesionalizado, e tan necesario, no noso sector pesqueiro”, indica Rouco que asegura que se trata “dun coñecido empresario de éxito no propio sector que, en colaboración co resto de axentes implicados, fortalecerá e mellorará o mesmo coas súas aportacións”.

As novas caras que completan “esta ilusionante candidatura do PP á alcaldía de Burela son Carlos Saa, xubilado moi coñecido no pobo que foi administrativo dunha das maiores empresas de construción de Burela e disposto sempre a aportar ideas co obxectivo mellorar a súa vila de adopción”. Tamén forman parte da lista que encabeza Manuel Rouco, Marina López e Aitana Rodríguez. A primeira é auxiliar de enfermería que xa hai anos elixiu Burela para asentarse e que presta os seus servizos como profesional do sector sanitario nunha residencia dun concello limítrofe; mentres que a segunda é unha moza a piques de rematar os seus estudos no grao universitario en Economía cun brillante currículo académico.

Estes veciños e veciñas integrarán xunto ao candidato, Manuel Rouco, e os nomes avanzados nos últimos días -Ana Álvarez, Natalia Álvarez, Félix Martins, Sonia López, Alberto Ramos, José Casas, Justo Eijo, Josefa Yáñez e Felicísimo Baño- unha candidatura que pretende “sacar da parálise na que se atopa inmerso o Concello de Burela e metelo de cheo no século XXI”.

0.14463806152344