O PP de Burela critica un nomeamento “irregular” no Concello e pide explicacións á alcaldesa

AMariñaXa
Os populares cuestionan a aplicación dun Real Decreto e denuncian unha xestión marcada por “incumprimentos continuados”
Burela-Manuel-Rouco-foto-2025
2 Apr 2026

O grupo municipal do Partido Popular en Burela denunciou publicamente o que considera un nomeamento “irregular” dun alto funcionario no Concello, ao entender que se realizou ao abeiro dun Real Decreto que non sería aplicable ao municipio.

Segundo explican os populares, a comisión de servizo foi tramitada utilizando unha normativa estatal de 2018 que permite designacións temporais de funcionarios habilitados nacionais en concellos de menos de 1.000 habitantes, unha condición que, subliñan, non cumpre Burela. Por este motivo, consideran que se trata dun procedemento “gravísimo” que require explicacións por parte da alcaldesa.

Desde o PP sinalan que este caso non é illado, senón que forma parte dun xeito de actuar que, ao seu xuízo, se repite desde o inicio do mandato. Neste sentido, apuntan que ao longo destes anos detectaron diversas situacións que cualifican de irregularidades ou incumprimentos, e critican que desde o goberno local se minimicen como simples cuestións menores.

Os populares tamén fan referencia a outros asuntos que, segundo indican, seguen sen resolverse. Entre eles, mencionan a falta de licitación do contrato de limpeza dos centros municipais, que afecta tamén aos colexios, así como a situación do servizo de recollida de lixo, cuxa prórroga tería finalizado sen que se completase o proceso de adxudicación correspondente.

Así mesmo, critican a perda de postos de traballo subvencionados que atribúen á falta de presentación en prazo da Conta Xeral ante o Consello de Contas de Galicia. Para o grupo popular, estes exemplos evidencian unha xestión que non atende, din, ás necesidades reais da veciñanza.

O PP conclúe reclamando maior transparencia e rigor na xestión municipal, ao tempo que insiste en que a alcaldesa debe dar explicacións claras sobre o nomeamento cuestionado e sobre o conxunto de actuacións que, segundo denuncian, están a marcar o funcionamento do Concello.

0.11933207511902