O PP de Burela critica que o Concello so repartira 58.000 euros en axudas pola covid
Os populares de Burela condenan que “ao goberno local socialista só lle interesa facer propaganda; pero pouco ou nada lle importan os negocios e as familias de Burela”. O voceiro, Manuel Rouco, explica tralo pleno extraordinario deste venres que “quedou constatado que o goberno local do señor Llano só repartiu 58.000 euros dos 181.000 euros anunciados para o ano 2021 en axudas ao comercio, hostalería e ás familias máis afectadas pola covid-19; é dicir, só un 32% do total anunciado”. Así o recollen as contas do 2021 que o goberno local levou ao pleno extraordinario para a súa aprobación e que logrou sacar adiante “grazas á colaboración servil do BNG”.
“Segundo o informe de intervención, dos 125.000 euros tantas veces anunciados para a axuda a negocios e comercios de Burela, o goberno local só repartiu 25.000 euros. Dos 30.000 euros anunciados para o sector da hostalería só se repartiron 13.000 euros e dos 26.000 para axudar ás familias necesitadas só se repartiron 20.000 euros”, explica o popular. “En total, repartiron menos dun terzo do total do diñeiro que anunciaban unha e outra vez; pero que, lamentablemente, os negocios e familias non chegaron a percibir. Este feito demostra unha falta de empatía do goberno local cos comercios, a hostalería e as familias; ademais dunha nefasta xestión destas axudas”.
Por outra banda, os populares non entenden a urxencia do outro punto da orde do día da sesión extraordinaria que tamén saíu adiante, de novo, co apoio do BNG: a transformación dunha praza de inspector da Policía Local noutra de oficial para a nosa vila. O que si consideran urxente dende o Grupo Municipal Popular é o que lles trasladan dende a Policía Local de Burela: “a necesidade de ampliar o cadro de persoal do departamento e o incremento do salario dos efectivos”.
Demandas da Policía Local: máis persoal e máis salario
Rouco explica que “agora mesmo o departamento conta con seis policías locais e un oficial cando podería dispoñer de oito policías locais e un oficial, segundo recolle a Relación de Postos de Traballo existente agora mesmo no Concello. Pero en lugar de priorizar a contratación de dous policías locais máis, o goberno do señor Llano o que fai é transformar unha praza de inspector noutra de oficial”.
“Segundo a proposta da alcaldía, este cambio débese a que consideran conveniente que haxa un oficial en cada garda; pero iso non é factible porque non é posible que dous oficiais estean cubrindo tódalas quendas en Burela. O que si sería factible coa ampliación da plantilla é que houbera un servizo de policía local 24 horas 7 días á semana, algo que agora mesmo non existe porque non hai quenda de noite dende fai moito tempo”, aseguran dende o PP local.
“O incremento salarial que tamén demandan -vinculado á Relación de Postos de Traballo que o señor Llano fixo como promesa electoral e non está a cumprir- é xusto porque os membros da Policía Local de Burela son os que menos cobran de toda a comarca da Mariña”, sinalan os populares.
Posicionamento servil do BNG
“Unha vez máis o Grupo Municipal Popular foi o que fiscalizou as accións do goberno local e se opuxo á desfeita sistemática que está a levar a cabo o goberno de Llano na nosa vila” porque “o posicionamento servil do BNG en sesión plenaria permitiu que saíran adiante as dúas propostas do goberno local do PSOE”, concluíu Rouco.