O PP de Burela critica o retraso na reparación das gradas da Marosa e acusa ao goberno local de mala xestión

O Partido Popular de Burela amosou o seu malestar polo prolongado atraso na reparación das gradas do campo de fútbol da Marosa, unha actuación que, segundo indican, é responsabilidade “única e exclusivamente municipal”. Desde a formación sosteñen que se trata dunha promesa electoral que o executivo local, encabezado por López Moreno, “non foi quen de cumprir pola súa incapacidade de xestión”, e lamentan que agora o goberno trate de “implicar a outras administracións” para xustificar a situación.
Os populares explican que as instalacións deportivas xa foron obxecto de varias licitacións nos últimos anos. Na máis recente delas, a empresa adxudicataria chegara incluso a presentar o aval previo ao inicio da obra. Porén, segundo detallan, “o longo tempo que o Concello tardou en conceder a licenza municipal provocou un incremento dos custes dos materiais, ata o punto de que a empresa decidiu desistir da execución —sen recuperar o aval— ao non ser viable economicamente o contrato nas condicións inicialmente establecidas”. Engaden que agora o goberno municipal cifra o custo da reparación por riba dos 600.000 euros, “un importe que xa fora estimado no seu día”.
O portavoz do PP, Manuel Rouco, reclama á alcaldesa que “deixe de poñer desculpas” e que explique por que a obra segue sen concluír “cando recentemente afirmaba que o Concello, supostamente, está en boa situación económica e conta con remanente”. Rouco lembra que estas declaracións contrastan “cos datos que publican os medios de comunicación”.
Desde o PP aseguran que este episodio “xa non sorprende” tendo en conta o que consideran unha “continua falta de capacidade de xestión” por parte da rexedora e do seu equipo, unha crítica que din manter desde o inicio do mandato.