O PP de Burela critica o atraso na Conta Xeral e alerta da perda de subvencións autonómicas

AMariñaXa
Os populares acusan á alcaldesa de incumprir os prazos legais e de poñer en risco axudas e postos de traballo no municipio
Concelleiros-PP-Burela
30 Jan 2026

Os concelleiros do Partido Popular de Burela cargaron contra a xestión económica do goberno local tras a aprobación, no pleno ordinario de xaneiro, da Conta Xeral municipal. Segundo denunciaron, a documentación foi presentada fóra de prazo, de maneira incorrecta e nun exercicio fiscal distinto ao que correspondía, o que supón, ao seu xuízo, un novo incumprimento da legalidade vixente.

Desde o PP lembran que as contas municipais deben remitirse ao Consello de Contas de Galicia antes de mediados de outubro. Porén, explican que neste caso foron levadas a pleno a finais de xaneiro, polo que non serán enviadas ao órgano fiscalizador ata mediados de febreiro. Esta situación, segundo os populares, pode ter consecuencias directas para a veciñanza, xa que o Concello de Burela non poderá acceder a subvencións da Xunta de Galicia mentres as contas non sexan fiscalizadas.

Os edís do PP subliñan ademais que Burela figura entre os seis concellos da provincia de Lugo que non cumpriron cos prazos establecidos, a pesar de contar cun departamento de Intervención propio. Neste sentido, sinalan que existen numerosos municipios da provincia que, mesmo sen este servizo, lograron presentar a Conta Xeral en tempo e forma, polo que atribúen a responsabilidade exclusivamente á alcaldesa.

Como explicación ao atraso, o goberno local alegou os sucesivos cambios no persoal de Intervención, con ata seis persoas distintas. Para o PP, este feito evidencia unha grave inestabilidade laboral no Concello e resulta especialmente preocupante tendo en conta que a alcaldesa é tamén responsable da área económica da Deputación de Lugo.

Os populares conclúen advertindo de que esta “mala praxe” está a provocar a perda de axudas autonómicas e a poñer en risco a creación de emprego ligado a subvencións públicas.

⚙ Configurar cookies
0.078455924987793