O PP de Burela critica o abandono da área recreativa do Monte Castelo

AMariñaXa
O PP de Burela critica a Llano polo abandono da área recreativa do Monte Castelo e denuncia que os servicios só se abriron para a romaría. 
Burela area recreativa do Monte Castelo
26 Ago 2022

O PP de Burela critica a Llano polo abandono da área recreativa do Monte Castelo e denuncia que os servicios só se abriron este verán para a romaría.

O portavoz popular, Manuel Rouco, sinala que “o goberno local sigue a incumprir os compromisos máis básicos coa nosa vila, de maneira que dá unha imaxe lamentable tanto para a veciñanza como para os visitantes”. Destaca que, entre outros moitos, incumpre “o seu compromiso, recollido por escrito, coa área recreativa do Monte Castelo”.

O portavoz popular di que o alcalde, Alfredo Llano, "ten tan pouco interese nesta área que practicamente en todo este mandato só subiu para facerse a foto no telescopio colocado no miradoiro do Monte Castelo e para ser visto na romaría do mesmo monte polos veciños”. "O desinterese do alcalde queda claro na imposibilidade de usar os servicios alí instalados, porque o goberno municipal presidido por Llano decidiu telos pechados ao longo deste verán e só os abriu en exclusiva para o romaría do Monte Castelo, tal e como puidemos comprobar no PP á vista das numerosas denuncias veciñais”.

Manuel Rouco lembra que “o convenio asinado coa comunidade de montes leva aparellada unha dotación de arredor de 25.000 euros para o mantemento da área recreativa, cantidade que non foi empregada nos últimos anos polo Concello, tal como recoñeceron dende a alcaldía”. Engade: “Eses fondos foron utilizados para outros fins aos que non estaban inicialmente destinados”.

Os populares non entenden “por que o goberno do señor Llano fai todo o posible por desactivar un dos atractivos da nosa vila; non entendemos esa teima en desprezar a área recreativa do Monte Castelo, facendo o que xa nos ten acostumado, é dicir, absolutamente nada para o seu mantemento”.

O portavoz popular pregúntase “se, a estas alturas, alguén pode crer que o goberno socialista de Burela, que non é capaz de manter, xa non dicimos poñer en valor, simplemente de manter, esta área recreativa vai ser capaz de reflotar a nosa vila e poñela no lugar punteiro de A Mariña que nunca debeu de abandonar? Ata cando, pregúntase Rouco, imos padecer esta inoperancia socialista na nosa vila? “Cremos -di o portavoz municipal do PP- que a veciñanza de Burela merece moito máis do que pode ofrecer o goberno local formado polo señor Llano e os seus concelleiros e concelleiras”.

0.117506980896