O PP de Burela critica a "mala planificación e execución" da zona de calistenia do parque Rosalía de Castro
O Grupo Municipal do PP de Burela censura que “o goberno bipartito trate de trasladar aos pais e nais dos nenos e nenas a culpa da mala planificación e execución da obra municipal da zona de calistenia no parque Rosalía de Castro” e urxe ao Concello a adoptar medidas inmediatas para garantir a seguridade dos menores na zona, que a pesar de non tratarse dunha área infantil está a ser moi empregada por menores.
Foron xa tres os menores accidentados -algúns deles con feridas de diversa consideración- o mesmo día da inauguración da área de calistenia, o pasado mércores. Nese sentido, os populares explican que, segundo nos trasladaron, “a resposta do goberno bipartito ante as queixas sobre a súa perigosidade foi que hai que vixiar aos menores e estar máis atentos”.
Se ben é certo que “existe sinalización que advirte de que non poden acceder á área as persoas que midan menos de 1,45 metros; cremos que esa non é unha medida de seguridade suficiente e, moito menos, xustifica esas palabras aos pais e nais”.
A instalación desta área nas proximidades da zona de xogo, a falta de valado ou a elevación do bordillo que non axuda a evitar caídas e tropezóns son, para os populares, “decisións desacertadas e que responden ás presas á hora de anunciar obras por parte do señor Ramiro Fernández -concelleiro de obras no anterior mandato e actual segundo tenente de alcalde- coincidindo coa precampaña electoral”.
O PP local considera este “un mal comezo para o novo goberno bipartito” porque “despois de coñecer a pasada semana que deixaban perder a posibilidade de contratar a seis persoas no paro creando outros tantos postos de traballo moi necesarios na nosa vila, agora vemos a falta de sensibilidade á hora de xestionar queixas sobre unha das primeiras obras que inaugura o novo goberno”.
É por iso polo que os populares se preguntan se “vai ser este o proceder do goberno bipartito de Burela ao longo deste mandato e se así vai ser o trato aos veciños e veciñas”.