O PP de Burela critica a falta de servizos básicos no mercado semanal e cuestiona a subida do IBI

O Grupo Municipal do Partido Popular de Burela denunciou que no pleno celebrado este xoves o executivo que lidera a alcaldesa López Moreno ignorou demandas fundamentais tanto dos comerciantes ambulantes como das persoas usuarias do mercado semanal dos venres.
Entre as peticións figuraban a instalación de baños portátiles e a colocación dun suplemento de contedores, medidas que, segundo os populares, supoñen un custo mínimo para o Concello e resultarían esenciais para garantir a hixiene e a salubridade no desenvolvemento da feira. “Trátase de actuacións sinxelas, de baixo custo, que xa se concederon para outros eventos ao longo do verán, e non entendemos por que agora se rexeitan”, declarou o voceiro popular, Manuel Rouco.
Rouco tamén criticou os insultos que, segundo sinalou, foron proferidos durante a sesión plenaria polo segundo tenente de alcaldesa a membros do seu grupo. “É lamentable que, en lugar de dar explicacións, o equipo de goberno recorra a ataques persoais. Isto evidencia a falta de argumentos que caracteriza ao executivo da señora López Moreno”, engadiu.
Desde o PP esíxese ao goberno municipal “claridade, transparencia e medidas concretas” que melloren o funcionamento do mercado semanal e a súa salubridade, lembrando que pequenas actuacións poderían ter un grande impacto positivo para a veciñanza.
No mesmo pleno, os populares cuestionaron tamén a falta de información en torno ás subidas no imposto de bens inmobles que afectan aos veciños de Burela. “Ninguén entende estas subidas e a señora López Moreno non dá explicacións. Ou é por necesidade, ou por puro capricho”, afirmou Rouco.