O PP de Burela critica a falta de proxectos para o municipio por parte do goberno local

AMariñaXa
Os concelleiros populares lamentan a ausencia de políticas activas e o baixo nivel de investimentos na vila
PP-Burela-Manuel-Rouco-2023
15 Mar 2025

Os concelleiros do PP de Burela amosáronse "moi preocupados" pola "constante improvisación" da que, segundo afirman, dá mostras a alcaldesa, Carmela López Moreno, á hora de gobernar. Desde o PP aseguran que "non podemos máis que preocuparnos pola constante improvisación, o que denota unha ausencia total de proxecto para o municipio".

Os populares poñen como exemplo a información publicada recentemente en diversos medios, na que a alcaldesa trataba de dar a coñecer os servizos de orientación laboral municipais, "como se ata agora non se coñeceran, e senón que llo digan aos veciños e veciñas que acoden a eles durante todo o ano", argumentaron.

No PP lembran tamén que hai poucas semanas se soubo a través dos medios de comunicación que Burela lidera a taxa de incremento de paro na Mariña. "Lémbranos que Burela é o municipio cun maior incremento de paro na zona, polo que lle preguntamos á señora López Moreno cales foron as políticas activas levadas a cabo ata agora," e a súa resposta, din, foi clara: "non existiron".

A preocupación dos concelleiros do PP é aínda maior ao pensar no posible incremento de poboación en Burela, e a súa posible repercusión na taxa de paro. "Tendo en conta este aumento, as cifras poden ser aínda peores nas vindeiras semanas," alertaron.

Agora, o goberno local tenta dar a impresión de que están facendo algo, pero, segundo os concelleiros populares, "o que están facendo é copiar fórmulas de concellos veciños, como Xove, sen ter en conta que estas iniciativas deben ir acompañadas de políticas activas de fomento do emprego."

Os populares subliñan que para loitar contra o paro e mellorar a situación económica, deben impulsarse iniciativas como as que defenderon no último pleno municipal, que incluían "campañas para fomentar a contratación de burelaos nas empresas locais e incentivar o autoemprego".

Tamén criticaron a imaxe desanxelada das rúas de Burela, "onde non paran de verse locais con carteis de ‘véndese ou alúgase’", e a falta de iniciativas para revitalizar o municipio. "Todas as nosas propostas foron rexeitadas polo goberno local," lamentaron.

Por último, o PP de Burela considera moi preocupante que, segundo unha publicación recente, o goberno anterior de Burela, no que tamén participou a actual alcaldesa, fose o décimo en investimentos na Mariña, por detrás de concellos como Barreiros, Ourol ou O Vicedo. "A capacidade inversora deste goberno socialista, tanto en solitario como en coalición, é nula," subliñaron.

Os concelleiros populares remataron afirmando que "os nosos veciños queren un proxecto real para volver a colocar a Burela no lugar de referencia da Mariña, que nunca debeu abandonar, por mor dos despropósitos socialistas."

⚙ Configurar cookies
0.55732798576355