O PP de Burela critica a falta de consenso nas obras da rúa Curros Enríquez

AMariñaXa
Os populares reclaman máis diálogo co vecindario e cos comerciantes para evitar perdas de aparcamento e prexuízos económicos
PP-Burela-obras-rua-Curros-Enriquez-2025
14 Sep 2025

Os concelleiros do Partido Popular de Burela reclaman ao goberno local un maior “consenso” á hora de executar as obras de humanización da rúa Curros Enríquez, uns traballos que, segundo explican, están a provocar numerosas queixas entre veciños e comerciantes da zona. A principal preocupación céntrase na perda de prazas de estacionamento e nas consecuencias económicas que esta medida pode traer para os negocios locais.

Desde o PP aseguran que as obras están a xerar malestar non só entre os residentes da rúa Curros Enríquez, senón tamén entre os das rúas próximas. “Temos que facernos eco destas queixas porque a realidade é que unha vez máis queda en evidencia a incapacidade do goberno local de Burela, liderado pola señora López Moreno, para desenvolver calquera proxecto con consenso. Unicamente saben impoñer, algo que é evidente desde o inicio do mandato”, afirman.

Os populares denuncian tamén a ausencia do cartel informativo preceptivo da obra, o que consideran unha mostra máis de irregularidades. “É un suma e segue que evidencia que a alcaldesa pensa que está por enriba das normas”, sinalan.

Admiten que toda obra supón incomodidades, pero reprochan ao executivo municipal que non as procure minimizar. “Lonxe de facilitar a mobilidade aos veciños, a falta de información aumenta as molestias”, engaden.

O PP critica ademais que os veciños non foran informados da intención de humanizar a rúa, algo que suporá a eliminación de prazas de aparcamento. Segundo apuntan, esta decisión encaixa na “dinámica iniciada pola alcaldesa dende a aprobación do plan de mobilidade, co beneplácito do BNG”.

Tamén os comerciantes expresaron o seu malestar, advertindo de que a actuación, feita sen consenso, pode provocar unha caída nas vendas e un dano económico aos negocios.

“O goberno local ten que demostrar máis humildade, sentarse cos veciños e cos comerciantes e buscar un acordo que reduza os prexuízos derivados da perda de prazas de aparcamento”, conclúen os concelleiros populares.

⚙ Configurar cookies
0.17812299728394