O PP de Burela critica a falta de accesos seguros polas obras da rúa Rosalía de Castro

AMariñaXa
O PP de Burela condena que “o Concello non adoptase medidas para facilitar o acceso ás vivendas e negocios na rúa Rosalía de Castro”
obras burela rosalia de castro
21 Oct 2022

Os populares de Burela condenan que “o goberno do señor Llano non tivese adoptado medidas para facilitar o acceso ás vivendas e negocios da rúa Rosalía de Castro en condicións de seguridade dende o momento do inicio das obras que promove á altura do parque”. 

O voceiro, Manuel Rouco, sinala que “o alcalde recibiu esta semana aos comerciantes afectados polas obras despois de que eles mesmos solicitaran unha reunión porque, a pesar de que pasa pola zona tódolos días, aínda non se dignara a falar con eles; a pesar das numerosas queixas públicas dos propietarios de comercios, negocios e veciños e veciñas que temos trasladado tamén dende o Grupo Municipal Popular”.

“A pesar de que estas medidas chegan tarde porque tiñan que estar en marcha dende o mesmo inicio das obras”; o popular agarda que “o alcalde cumpra co que lles prometeu agora: variar o sentido de circulación na rúa de Nosa Señora do Carme e facilitar o acceso para os veciños dos edificios lindeiros á obra con estruturas de acceso aos portais e aos comercios; ademais da presenza da policía local”.

Rouco lamenta que “ata o de agora o goberno local socialista permanecera impasible ante os efectos da súa mala planificación das obras sobre a economía dos negocios da zona e na seguridade dos veciños e veciñas. Pouco ou nada lle importaron o descenso salvaxe na facturación dos comercios que chegan incluso ao 70 ou 80% dende o inicio das obras segundo os afectados ou as numerosas caídas de viandantes que se produciron no entorno das obras”, segundo manifesta o  popular.

Copia do plan de seguridade

O Grupo Municipal Popular vén de solicitar por escrito, neste sentido, unha copia do plan de seguridade da obra porque os populares dubidan de que “a obra cumpra a normativa vixente en relación á súa sinalización”. Nese sentido, advirten que “de producirse algún incidente, podería supoñer un problema grave para o Concello como promotor da obra”.

O PP de Burela mantense en permanente vixilancia ante “o desgoberno e a improvisación por parte do goberno do señor Llano que non ten en conta aos veciños e veciñas de Burela". E, estes días, están a manter un contacto constante cos comerciantes, veciños e veciñas da rúa Rosalía de Castro afectados polas obras.

0.14597988128662