O PP de Burela critica a "dobre vara de medir" da alcaldesa na aplicación das normativas municipais

Os concelleiros do PP de Burela manifestaron as súas críticas á alcaldesa, Carmela López Moreno, asegurando que aplica "a dobre vara de medir" á hora de aplicar as normativas municipais. Segundo afirman, a alcaldesa mantén un trato moi diferente coas empresas, en comparación co trato que dispensa aos veciños e veciñas da vila.
"Temos que denunciar a dobre moral da señora López Moreno en relación ao trato que lle dispensa aos veciños e veciñas de Burela, moi diferente ao que ten con algúns dos seus socios de goberno no BNG, que definen a certas empresas como do 'gran capital'", indicaron dende o PP.
En concreto, os populares denuncian que, mentres a alcaldesa mostra unha postura inflexible co común dos veciños en relación á aplicación das normativas, hai unha "flexibilidade anómala" cando se trata de algúns grandes empresarios.
Un dos exemplos citados polos concelleiros populares foi a intensa recadación por parte da Policía Local durante o mandato actual, que, segundo eles, está a camiño de bater un récord. Ademais, critican a obrigatoriedade do pago previo da taxa para obter licencias de obra para todos os veciños, mentres que unha empresa que quere instalarse no polígono portuario de Burela obtivo a súa licenza de obra antes do verán de 2023 sen pagar a taxa correspondente, que por aquel entón ascende a preto de 400.000 euros.
Os concelleiros populares lamentaron a actitude da alcaldesa, afirmando que "mentres os veciños e veciñas de Burela sofren a súa inflexibilidade, a alcaldesa amosa unha actitude leniente, rozando a ilegalidade, con algúns grandes empresarios". Tamén se mostraron preocupados polo futuro da vila e pola defensa dos intereses dos veciños. "Se é así como a alcaldesa defende os intereses de Burela, estamos aviados", concluíron.