O PP de Burela condena “a falta de programación” nas obras da rúa Rosalía de Castro

AMariñaXa
O PP de Burela condena “a improvisación e a falta de programación” do goberno local á hora de facer obras na rúa Rosalía de Castro
24 Jun 2022

O Grupo Municipal Popular condena “a falta de programación e a total improvisación do goberno local en relación ás obras na rúa Rosalía de Castro”. Os populares entenden que as obras teñen que realizarse, pero “o que nos sorprende ao igual que aos veciños e comerciantes da zona son as datas escollidas para realizar estas obras: nin máis nin menos que unha ponte de verán e non unha ponte calquera, senón a de San Xoán que coincide ademais coa Festa Castrexa de Burela”. 

Así o manifesta o voceiro, Manuel Rouco, trala aparición de carteis nos portais desta rúa anunciando o inicio dunhas obras que durarían dous ou tres días polo que se lles requiría aos veciños desta zona que se abstiveran de aparcar os seus vehículos na vía pública.

Rouco explica, por outra banda, que “a falta de celeridade á hora de executar as obras por parte do alcalde, o señor Alfredo Llano, e o concelleiro de obras, o señor Ramiro Fernández vai ser o que salve aos veciños da rúa Rosalía de Castro; xa que parece ser que a empresa adxudicataria non as actuacións que está a levar a cabo noutra zona e, polo tanto, non vai poder executar ata a semana as obras nesta rúa”. Con todo, “o desconcerto non deixa de estar presente porque os carteis continúan pegados nos portais anunciando unhas obras que non se van levar a cabo no tempo marcado”. 

COMERCIO E HOSTALARÍA

O popular advirte de que “os comerciantes e hostaleiros da zona, arredor de 12 locais afectados, verían minguadas as súas ganancias entre un 30 e un 40% ao longo destes días nos que se leven a cabo as obras”. Pero, engade ademais, que “o sector comercial xa se viu enganado cunhas axudas municipais para facer fronte á crise da covid -arredor de 125.000 euros anunciados- que nunca se chegaron a repartir na súa totalidade. As estimacións supoñen só unha quinta parte desa contía repartida”.

 

Rouco lembra que “ao comercio e a hostalería tamén se lles subiron as taxas municipais. Non só co último incremento efectuado polo goberno de Llano ao levarse a cabo a nova ordenanza reguladora, senón tamén co incremento do custo do contrato da recollida do lixo e limpeza viaria -máis dun 20% con respecto ao prezo do contrato anterior-”.

Os populares engaden a estes prexuízos “as trabas que lles pon agora o goberno local socialista estes días nos que pode haber afluencia de público e, polo tanto, se podería facer algo de caixa”.

Rouco condena “as formas de proceder que demostra día a día o equipo de goberno” e pregúntase “que futuro podemos esperar para Burela con este goberno socialista”.

0.17133402824402