O PP de Burela apoia as propostas do IES Monte Castelo para a implantación de FP Dual

AMariñaXa
O PP de Burela apoia as propostas do IES Monte Castelo para a implantación de FP Dual e o Bacharelato para adultos
11 Maio 2022

Os populares de Burela apoiaron no Pleno da corporación municipal a proposta da directiva do IES Monte Castelo para “a implantación de formación FP Dual e do Bacharelato para adultos, así coma pequenas obras que mellorarán, se cabe, a calidade do centro educativo”. De feito, foi o voceiro popular, Manuel Rouco, o que durante a reunión celebrada a pasada semana e na que a directiva trasladou as súas peticións aos distintos grupos políticos propuxo como “mellor forma” de ratificar o apoio institucional de tódalas formacións da corporación un acordo do pleno. Esta fórmula permite darlle carácter formal ao mesmo tempo que respecta o acordado coa directiva do centro sobre “ir da man os tres grupos da corporación”.

Rouco lamenta, en relación ao anuncio do BNG, “a súa premura por facer política dunha cuestión que estaba a ser levada coa máxima pulcritude polas distintas formacións que teñen representación na corporación municipal” en beneficio de Burela, do centro e da comunidade educativa. “Sorprende  especialmente tendo en conta que a formación do señor Pillado tivo, dende o primeiro momento, un interese moderado por non dicir escaso en levar esta cuestión ao pleno do Concello”.

No que se refire á cuestión estritamente educativa, o Grupo Municipal Popular teno claro: “somos fieis defensores da FP Dual como ferramenta educativa e de inserción laboral. Non de futuro, senón xa do máis absoluto presente. A consolidación desta modalidade no ámbito sanitario en Burela é primordial”, segundo defende Rouco. 

“O Bacharelato para adultos parécenos da máis absoluta xustiza que quede na nosa localidade tendo en conta a cantidade de alumnado que recibe e que pode recibir nun futuro dada a localización de Burela e o IES Monte Castelo no centro da Mariña”, engade.

O popular explica que tamén “os cursos de formación continua que leva a cabo o centro parécennos do máis apropiados para seguir actualizando a todo o alumnado que decida aproveitar esta boa oportunidade que o profesorado do IES Monte Castelo nos brinda”.

0.1537778377533