O PP de Burela acusa á alcaldesa de incumprir a normativa nas obras do camiño de Pron

AMariñaXa
Os populares denuncian a colocación fóra de prazo do cartel obrigatorio, unha actuación que consideran unha mostra máis do "desleixo" da rexedora
Burela-PP-Camino-de-Pron-2025
29 Jul 2025

O Partido Popular de Burela vén de criticar publicamente o que cualifican como unha nova irregularidade cometida pola alcaldesa, Carmela López Moreno. Segundo denuncian, o cartel informativo obrigatorio da obra de mellora do camiño de Pron foi colocado unha vez finalizados os traballos, e non antes do seu inicio, como esixe a normativa vixente.

Desde o PP local sinalan que “calquera veciño ou veciña sería sancionado por un incumprimento deste tipo”, polo que consideran que “non se pode permitir que a alcaldesa actúe coma se estivese por riba da lei”. A formación popular entende que esta actuación evidencia unha vez máis “a falta de rigor e o desleixo na xestión municipal que caracterizan o goberno local”.

A colocación do cartel, que debía informar sobre os datos básicos da obra e o seu financiamento, foi detectada a pasada semana cando xa se dera por rematada a actuación no camiño. Os populares denuncian que este feito vulnera as condicións de transparencia esixidas en toda actuación pública financiada con fondos públicos.

Desde o PP aseguran que seguirán fiscalizando a acción do goberno para evitar “que se repitan este tipo de condutas” e esixen “máis responsabilidade e respecto polas normas que todos deben cumprir, incluída a alcaldesa”.

⚙ Configurar cookies
0.13452196121216