O PP de Burela acusa á alcaldesa de converter o pleno do orzamento nun mitin político

AMariñaXa
Os populares censuran que López Moreno desviase o debate con críticas alleas á orde do día
Concelleiros-PP-Burela
3 Mar 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular en Burela cargou con dureza contra a alcaldesa, López Moreno, pola súa intervención no pleno celebrado este luns, unha sesión cualificada polos populares como “das máis relevantes do ano” ao incluír a aprobación do orzamento municipal, o segundo que se presenta no actual mandato.

Segundo o PP, nos minutos finais da sesión a rexedora adoptou unha actitude “impropia do máximo órgano de representación municipal”, ao introducir cuestións alleas á orde do día. Os concelleiros consideran que o seu discurso, que cualifican de “electoralista”, abordou asuntos que nada tiñan que ver co debate orzamentario e que buscaban, ao seu xuízo, xustificar a xestión realizada nos últimos meses.

Entre as críticas expostas polos populares figuran a demora na presentación da Conta Xeral, circunstancia que —segundo sinalan— dificultou a recepción de determinadas subvencións autonómicas, así como a perda de postos vinculados a un obradoiro de emprego. O portavoz do PP sostén que a alcaldesa pretendeu “desviar a atención” destes asuntos mediante unha intervención política fóra de contexto.

Os populares tamén reprochan á rexedora as súas declaracións sobre determinadas imaxes difundidas recentemente e consideran que “non todo vale en política”. Finalmente, instan ao goberno local a centrar os debates plenarios nos asuntos recollidos na convocatoria e a actuar con “maior responsabilidade institucional”.

0.12431693077087