O PP de Barreiros opónse á suba das taxas de lixo, auga e sumidoiros

Os concelleiros do Partido Popular de Barreiros votaron en contra da actualización das taxas municipais relacionadas coa recollida de lixo, o subministro de auga e o servizo de sumidoiros, aprobada polo goberno local formado por BNG e PSOE. Segundo o voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, esta medida supón unha “nova carga impositiva” que afectará negativamente ás economías domésticas e aos negocios hostaleiros.
A subida máis destacada é a do recibo do lixo, que se duplica no caso das vivendas, pasando de 9 a 18 euros cada dous meses. No subministro de auga, a tarifa fixa para uso doméstico redúcese de 22 a 12 m³ incluídos, e introdúcese unha nova franxa tarifaria para os consumos superiores. No caso da hostalería, ademais da tarifa fixa de 30 euros, aplicarase un custe por consumo de 0,57€/m³. En canto aos sumidoiros, increméntase a tarifa fixa e establécense novos tramos en función do volume consumido.
Gómez Puente lamenta que “esta decisión afectará directamente á economía local, especialmente á hostalería, un dos motores principais do municipio”. Tamén advertiu de que os principais beneficiados serán os propietarios de segundas residencias, xa que ao facer un uso puntual dos servizos apenas superarán os tramos mínimos, pagando só a cota fixa.
Dende o PP propoñen alternativas como bonificacións do 20% para as persoas empadroadas, tal e como xa se aplicou noutros concellos próximos. Consideran que a medida debería terse aplicado de maneira gradual e con axuda estatal, e lembran que a subida do custo do lixo ten a súa orixe na normativa estatal promovida polo Goberno central.
“Barreiros necesita medidas que impulsen a economía local e o emprego, non trabas que prexudiquen a quen xera actividade”, concluíu o voceiro popular.