O PP de Barreiros esixe que a alcaldesa e os concelleiros “paguen do seu peto os gastos xudiciais"

AMariñaXa
O PP de Barreiros esixe que a alcaldesa e os concelleiros do BNG “paguen do seu peto” os gastos xudiciais polas denuncias falsas
21 Xul 2022

Os populares de Barreiros esixen que a alcaldesa e os edís do BNG “paguen do seu peto os gastos xudiciais polas denuncias falsas contra o anterior goberno municipal". No PP consideran que a rexedora e os seus compañeiros nacionalistas son os “principais responsables desta situación, xa que coa única vontade de obter rédito político e desgastar ao Goberno do PP, xudicializaron a actividade municipal con mentiras”.

Os populares indican que “Ana Ermida e os seus compañeiros nacionalistas, co apoio do BNG na Deputación e doutros colectivos afíns, dedicáronse a presentar denuncias falsas e impugnar as decisións do goberno do PP con argumentos que despois os tribunais acreditaron como falsos”. Engaden: “E, por se iso non fora suficiente, dilataron os procesos xudiciais con recursos, xerando o dereito a costas e intereses que agora ten que asumir o Concello”.

Para o PP é inaceptable "o vitimismo da alcaldesa, que agora di verse obrigada a recortar investimentos e ve reducida a capacidade de actuación do actual goberno municipal por ter que afrontar eses gastos".

Os populares sinalan: “Se de verdade Ana Ermida quere defender o interese xeral e preservar á veciñanza desa mala praxe, que ela mesma protagonizou sendo oposición, xunto cos edís do BNG, pode facelo asumindo do seu peto eses gastos xudiciais e liberando ao Concello deses pagos”.

0.16065406799316