O PP de Barreiros esixe o cambio das lámpadas nas rotondas das estradas N-634 e N-642 para garantir a seguridade viaria

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros insisten na urxente necesidade de substituír as lámpadas fundidas nas rotondas que conectan as estradas nacionais N-634 e N-642, así como na rotonda de acceso á autovía A-8. O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, afirmou que a falta de iluminación nesta zona pon en risco a seguridade viaria, especialmente nun punto de tan alto tráfico como é este cruce.
Gómez Puente recorda que as lámpadas da rotonda que une as estradas N-634 e N-642 se fundiron en maio do ano pasado, e que, ademais, os farois da rotonda de acceso á autovía A-8 levan anos sen funcionar. A pesar da relevancia deste punto, que conecta dúas das vías máis transitadas da Mariña, “ninguén entende que non se solucionara este problema”, comentou o voceiro popular.
A N-642 e a N-634 son dúas das principais arterias da comarca, xa que, ademais de enlazar a Mariña de Este a Oeste, a N-634 permite o acceso á autovía A-8. "É incomprensible que, a pesar de que se trata dunha das zonas máis transitadas, non se repare a iluminación, cando é unha cuestión tan sinxela como cambiar as lámpadas fundidas", subliñou Gómez Puente.
O PP de Barreiros comprométese a seguir insistindo e a non parar ata que a luz se acenda de novo nas rotondas e se mellore a seguridade nesta conexión entre as dúas estradas nacionais. "Ninguén no municipio entende que sigamos tantos meses sen solución, cando se trata dunha reparación sinxela que podería levarse a cabo de inmediato", rematou o voceiro popular.