O PP de Barreiros esixe arranxar os accesos á praia de San Bartolo

AMariñaXa
O Partido Popular reclama á administración estatal e municipal que acomentan con urxencia os traballos que sexan necesarios
accesos_san_bartolo
26 Ago 2024

O Partido Popular esixe ao Concello de Barreiros e á Demarcación de Costas do Estado que adopten de inmediato as medidas necesarias para solucionar o graves problemas existentes nos accesos á praia de San Bartolo. Así, os populares farán unha fronte común desde o Grupo Municipal no Concello de Barreiros e os Grupos Parlamentarios no Parlamento de Galicia e no Senado, co obxectivo de que todo volva á normalidade neste emblemático areal.

Un dos problemas existentes é a presenza dun foso aberto que ten, aproximadamente, 3 metros de boca e 10-15 metros de profundidade o cal está situado ao carón do paseo que discorre ao longo da praia. Polo tanto, “o perigo que aí existe é obvio e o único que hai son unhas vallas de “xoguete” polo que solicitamos que o goberno municipal do BNG, apoiado polo PSOE, corrixa de maneira urxente o perigo que existe neste momento con este foso”, sinalan os populares.

A principios do mes de xaneiro do ano 2021 produciuse un desprendemento de rocas de gran tamaño sobre a escalinata de acceso occidental da praia de San Bartolo. Neste senso, e ante as continuas declaracións da alcaldesa de Barreiros de que está en contacto con Costas do Estado e visto que, ante a inacción da administración estatal e municipal, estamos ante o cuarto verán cos accesos á praia pechados, os populares pregúntanse cales son os resultados das negociacións do goberno nacionalista de Barreiros co Goberno de España e consideran que en catro anos tanto o Goberno como o Concello de Barreiros tiveron tempo suficiente para retirar as rochas do derrubamento, reparar o cantil e impulsar as actuacións necesarias para evitar futuros danos.

Polo tanto, o Partido Popular reclama á administración estatal e municipal que se tomen en serio esta situación e que se acometan con urxencia os traballos que sexan necesarios para que a praia de San Bartolo se volva a abrir para que os veciños de Barreiros e os visitantes poidan gozar dela. Cómpre lembrar que o municipio lucense de Barreiros ten nas súas praias un recurso natural de primeira magnitude e un dos atractivos máis importantes desde o punto de vista turístico, actividade fundamental para a economía local.

Os areais son tamén un lugar de diversión, deporte e de saúde para os seus veciños. A praia de San Bartolo é, sen dúbida, un dos espazos máis emblemáticos da costa de Barreiros, visitada por multitude de persoas e, xunto coa praia de Altar, son os dous areais máis coñecidos da localidade no exterior.

0.15450811386108