O PP de Barreiros esixe ao goberno local que inicie xa a limpeza viaria e o desbroce

O Partido Popular de Barreiros reclama ao executivo municipal que active “de inmediato” os labores de limpeza nas vías públicas e o desbroce da vexetación que, segundo denuncian, invade rúas e estradas de titularidade municipal. Desde o grupo popular insisten en que non se pode repetir a situación do ano pasado, cando o Concello ordenou estes traballos o 17 de xuño, xa coa tempada estival ás portas.
O portavoz do PP barreirense, José Manuel Gómez Puente, asegura que o Concello conta con recursos propios “máis que suficientes” para poñer en marcha estas actuacións sen máis demora. “Trátase de preservar a seguridade viaria e evitar que Barreiros dea unha imaxe de abandono total”, declarou.
Segundo indica o voceiro, nas últimas semanas a maleza creceu sen control en moitas zonas do municipio, o que cualifica como “unha mostra da deixadez do actual goberno local”. “É fundamental actuar antes da chegada masiva de visitantes no verán e ofrecer unha imaxe coidada”, engadiu.
Gómez Puente puxo como exemplo recente un accidente de tráfico acontecido o día anterior na rúa Camiño Real, en San Miguel de Reinante, para subliñar a urxencia das tarefas de desbroce. “En vías estreitas, a maleza impide a visibilidade e fai falta darlles vías de escape aos condutores. Non é só unha cuestión estética, senón de seguridade real”, sinalou.
Desde o PP piden á alcaldesa que implante un plan de limpeza e mantemento durante todo o ano, “e non que se limiten a arranxar o aspecto do municipio ás presas, como aconteceu nos últimos veráns”. Neste sentido, os populares lembran o estado actual de zonas como o paseo marítimo de San Bartolo, que segundo denuncian está en condicións “inadmisibles”.
A formación tamén reclama a substitución e reparación de sinais de tráfico danadas ou inservibles, ocultas en moitos casos pola vexetación. Gómez Puente destaca que “un correcto mantemento das estradas non só mellora a estética urbana, senón que é clave para a prevención de accidentes”, especialmente en curvas e cruces onde a visibilidade é limitada.
Por outra banda, os populares consideran “incomprensible” o atraso na posta en marcha destas tarefas tendo en conta que o Concello dispón de dous tractores, un deles adquirido grazas a un convenio coa Deputación de Lugo.
A este respecto, o voceiro popular lembra que foi Mónica Freire Rancaño, daquela deputada de Medio Rural, quen asinou ese acordo, sinalando naquel momento que “a conservación da rede viaria é vital para mellorar a seguridade nas comunicacións entre núcleos de poboación”. Tamén subliñou que o coidado das infraestruturas rurais é fundamental para “fomentar a permanencia da poboación e impulsar a economía local”.