O PP de Barreiros demanda ao Goberno local que recupere o alumeado público da estrada da costa

AMariñaXa
Lembran que os farois fundíronse en maio do ano pasado mentres que os da rotonda de acceso a autovía A-8 levan anos así
iluminacion-publica-estrada-da-costa-barreiros
Iluminaión pública na estrada da costa de Barreiros
16 Apr 2025

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros denuncian que en plena campaña turística como é a Semana Santa a estrada da costa, que conecta numerosos puntos de interese así como negocios de hostalería, “presenta numerosas deficiencias de alumeado”.

O voceiro municipal, José Manuel Gómez Puente, denuncia esta situación e esixe “que se corrixa de inmediato xa que, ademais de dar unha imaxe moi pobre do municipio, estase a minimiza a seguridade xa que o alumeado é fundamental”.

José Manuel Gómez Puente sinala que “son moitos os veciños que xa puxeron esta situación no noso coñecemento, así como as queixas dos propietarios dos negocios de hostalería son importantes” xa que “a realidade é que son moitos os farois apagados, tanto nas proximidades dos negocios como noutros puntos do municipio”.

O voceiro popular pregunta á alcaldesa “por que se dá esta situación en plena Semana Santa, un dos momentos do ano que os turistas aproveitan para visitar Barreiros, así como aquelas persoas doutras localidades que teñen a súa segunda residencia no municipio e aproveitan estes días de descanso para achegarse a Barreiros”.

José Manuel Gómez Puente lamenta que esta situación siga a darse no municipio xa que “denunciamos en numerosas ocasións que había que recuperar o alumeado na rotonda que une as estradas nacionais 634 e 642 e tamén da rotonda que une o acceso a autovía A-8 coa N-634, ademais da vía que dan acceso á mesma, para garantir a seguridade viaria”.

O voceiro popular recorda que estes farois fundíronse en maio do ano pasado mentres que os da rotonda de acceso a autovía A-8 levan anos así e non se volveron a acender a pesar de que “esta rotonda conecta dúas das estradas máis transitadas da Mariña, polo que é un punto polo que circulan cada día miles de vehículos”. “Ninguén pode entender que non teña iluminación”, sinalou.

⚙ Configurar cookies
0.16585397720337