O PP de Barreiros critica o retraso no desbroce das vías municipais

AMariñaXa
Os populares acusan ao goberno local do BNG de ofrecer “unha imaxe de abandono” en pleno verán e reclaman máis planificación
Jose-Manuel-Gomez-PP-Barreiros
14 Jul 2025

O Partido Popular de Barreiros volveu denunciar o estado das vías municipais no concello. A formación que lidera José Manuel Gómez Puente lamenta que, “a estas alturas de xullo”, o goberno local do BNG “aínda non rematase os traballos de desbroce e limpeza”, unha situación que, segundo o voceiro popular, “ofrece unha imaxe moi mala tanto para os veciños como para os turistas que xa están nos areais”.

Desde o PP local aseguran que son varias as rúas de titularidade municipal que aínda non recibiron ningunha actuación, cando “os traballos xa deberían estar finalizados” e incluso, puntualiza Gómez Puente, “executándose xa tarefas de revisión e control por se fose necesaria unha segunda pasada”. O voceiro puxo como exemplo o Camiño de San Rosendo, que conecta a zona da Rexa coa Fábrica da Luz, na parroquia de Celeiro de Mariñaos. Neste viario, ao seu xuízo, “é urxente actuar” xa que dá acceso a diversas vivendas. Tamén citou o barrio de Vilar, en San Cosme, unha alternativa frecuentada polos condutores para chegar á estrada Nacional, onde tampouco se realizaron os traballos.

Gómez Puente insistiu na necesidade de planificar mellor estas actuacións, lembrando que “Barreiros conta con medios propios suficientes” para poder executar estes labores con máis antelación. “Non todos os anos podemos ofrecer esta mala imaxe”, afirmou, antes de recalcar que o desbroce non é só unha cuestión estética, senón tamén de seguridade: “Mellora a visibilidade en curvas e cruces, e permite ver sinais de tráfico que hoxe están ocultas pola maleza”, indicou.

Desde o PP lembran tamén que o Concello dispón de dous tractores, un deles financiado pola Deputación, “polo que non se entende esta demora nos traballos”, sostivo Gómez Puente. O popular puxo outro exemplo da situación: zonas xa desbrozadas, como o acceso á praia do Acantilado, nas que, segundo afirma, “a herba non se recolleu e quedou tirada, dando tamén unha mala imaxe”.

Por último, desde o PP reclaman á alcaldesa “un plan de desbroce e limpeza estable ao longo de todo o ano” para evitar, din, que o municipio “se abandone durante meses e logo se intente lavar a cara en dúas semanas”.

⚙ Configurar cookies
0.16894006729126