O PP de Barreiros critica o abandono das zonas infantís e reclama actuacións urxentes

O grupo municipal do PP en Barreiros denunciou o mal estado no que se atopan diversas zonas de xogo infantil e biosaudables do concello, alertando do “deixamento e falta de preocupación” por parte do goberno local no mantemento dos espazos públicos.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, indicou que varios pais e nais do municipio transmitíronlle o seu malestar ante o evidente abandono destas áreas, especialmente daquelas situadas nas inmediacións da escola infantil. “O chan das zonas de xogo presenta fendas e irregularidades perigosas, cubertas de herbas, nas que é fácil tropezar e sufrir lesións”, afirmou.
Desde o PP reclaman unha actuación inmediata para renovar o pavimento e garantir a seguridade dos nenos e maiores que utilizan estas instalacións. “É urxente corrixir estas deficiencias e recuperar un espazo seguro e agradable para o lecer”, sinalou Gómez Puente. Lembrou tamén que as familias xa alertaran desta situación hai dous meses sen obter resposta nin solución por parte da alcaldía.
Ademais, os populares puxeron o foco sobre o estado da fonte ornamental próxima, “completamente cuberta de sucidade e verdello”, o que, segundo din, reforza a sensación de abandono que transmiten estes espazos públicos.
O PP esixe ao goberno local unha maior atención ao coidado das infraestruturas municipais e lembra que “a imaxe do concello tamén se constrúe desde os detalles e o mantemento básico do seu patrimonio”.