O PP de Barreiros critica a falta de alumeado público na zona de Altar durante a noite de San Xoán

O Grupo Municipal do Partido Popular de Barreiros denunciou a falta de alumeado público na zona de Altar durante a noite de San Xoán, unha das datas con maior afluencia de xente no municipio. Segundo sinalaron, a escuridade afectou a unha área con alta densidade de vivendas e negocios hostaleiros, a pesar de contar cunha trintena de farois LED instalados.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, advertiu de que “non é de recibo que unha das zonas máis visitadas no verán quede ás escuras nunha noite tan sinalada como a de San Xoán”. Recordou que Altar é un punto de encontro habitual durante a tempada estival, con numerosos establecementos de hostalería que reciben centos de persoas nestas datas.
“Exiximos ao goberno local que active de inmediato o sistema de iluminación pública, sobre todo tendo en conta que a campaña de verán xa está en marcha e a poboación se multiplica”, reclamou Gómez Puente.
O popular sinalou que esta non é unha situación illada. “Levamos tempo advertindo das múltiples carencias no alumeado público do municipio”, lembrou, citando como exemplo as deficiencias detectadas na estrada da costa durante a pasada Semana Santa, así como a ausencia prolongada de luz nas rotondas que conectan a N-634 coa N-642 e a A-8.
Gómez Puente insistiu en que esta falta de iluminación “dá unha imaxe moi pobre do concello e, o que é máis grave, compromete a seguridade viaria e peonil”.
A formación popular recolleu tamén as queixas de numerosos veciños e propietarios de negocios, que aseguran que hai farois apagados non só na contorna inmediata dos seus locais, senón tamén noutras áreas do municipio. “A situación é insostible e non se pode permitir que nun municipio turístico como Barreiros se cometan estes erros básicos na xestión dos servizos públicos”, concluíu o voceiro.