O PP de Barreiros critica a desatención do Goberno local pola limpeza de fincas municipais

AMariñaXa
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que en todo o municipio a vexetación medrou sen control
estradas-municipais-barreiros
19 Xuño 2024

Dende o Grupo Municipal do PP de Barreiros denuncian que non foi ata o 17 de xuño cando a alcaldesa deu orde de comezar coa limpeza e roza das estradas municipais co tractor novo “un labor moi necesario e que dende as filas populares levamos meses reclamando”. O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que en todo o municipio a vexetación medrou sen control “sendo necesaria a súa limpeza dende hai moitas semanas” pero “o equipo de goberno decidiu mirar cara outro lado”. “Polo menos tentan lavar a imaxe do municipio ás portas da temporada de verán”, ironizou.

Neste senso, Gómez Puente recorda á rexedora a necesidade de manter este plan de limpeza e roza durante todo o ano, xa que “non se pode deixar o municipio abandonado e tentar lavar a cara en dúas semanas”. O popular recorda que é necesario acometer de inmediato rozas de vexetación, tanto nas beiras das estradas como nas zonas públicas destinadas ao paseo, xa que a imaxe que levan veciños e turistas, que algúns xa comezaron a chegar, “é dun total abandono e improvisación” sendo preciso tamén a renovación de numerosas sinais de tráfico, xa que moitas están deterioradas ou rotas.

José Manuel Gómez Puente insiste en que estes traballos non só contribúen a mellorar a imaxe do municipio, senón que axudan a “mellorar a seguridade viaria” garantindo a visibilidade en numerosos cruces e curvas, así como para ver sinais de tráfico que agora están cubertas pola maleza.  Aos populares resúltalles “curioso” está demora no inicio destes traballos a pesar de que o Concello de Barreiros ten dous tractores, un deles financiado pola Deputación.

Neste senso, Gómez Puente fai referencia á sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Barreiros para a compra deste tractor. A que naquel momento era deputada de Medio Rural, Mónica Freire Rancaño, asegurou á sinatura do convenio que “a limpeza e o mantemento da rede viaria contribúe a mellorar a seguridade nos accesos e comunicacións entre os núcleos de poboación, unha das principais demandas das localidades da provincia.

A calidade das comunicacións e dos servizos públicos que se ofrecen no rural son claves para a fixación da poboación e a dinamización económica, obxectivos prioritarios que nos marcamos desde a área de Medio Rural”.  “Queda claro que no Concello de Barreiros nin a alcaldesa nin o seu equipo de goberno se preocupan por garantir a seguridade viaria no municipio”, finalizou.

A alcaldesa pide seriedade

Pola súa parte, a alcaldesa de Barreiros pediulle seriedade ao portavoz do Partido Popular e que deixe de mentir. Ana Ermida sinalou que “a estas alturas xa se realizaron labores de roza en todas as parroquias e as afirmacións da oposición só poden deberse a unha desvergoña absoluta que non lles impide mentir na cara da veciñanza ou a un descoñecemento total do concello, como consecuencia de nin sequera vivir nel e vir a Barreiros só a gañar cartos.”

Ermida lembroulle a Gómez Puente que “hai xusto agora cinco anos, cando collemos o goberno por primeira vez, a situación dos desbroces era ben diferente: non empezara o persoal contratado, non se limparan os camiños nin os paseos marítimos e o persoal municipal carecía de ferramentas de traballo”. “Só realizara el mesmo unhas ridículas segas en pleno centro de San Cosme, nos xardíns das vivendas sociais, dunha herba que superaba o metro de altura”, engadiu.

A rexedora lembrou ademais que o primeiro convenio que houbo que asinar foi coa área de Medio Rural da Deputación para comprar un tractor desbrozadora (para traballar nos xardíns e áreas públicas que estaban cheas de silvas e maleza e nas que non se podía pensar en meter un cortacéspede) e desbrozadoras de man, porque as que había eran vellas ou rotas, xa que non se levaba control ningún sobre as mesmas, nin en mantemento nin en existencias.

Asegura que a situación do Concello de Barreiros desde hai cinco anos, mellorou notablemente tanto en organización e planificación como en material; investíndose máis de 200.000 euros en maquinaria para o adecentamento de zonas verdes. Ademais, desde o goberno municipal, en colaboración co persoal municipal, planifícanse os traballos en función das necesidades e dos medios existentes e a veciñanza sabe que as rozas se realizan dun xeito ordenado.

Ermida lembra que agora mesmo hai traballando en Barreiros tres tractores -dous municipais e un contratado externo- que están desenvolvendo os labores necesarios para a veciñanza e que todo o mundo amosa comprensión, salvo a oposición destrutiva que só lle importa mostrarse agresiva, en lugar de facer autocrítica da súa recente xestión; que deixou un Concello que houbo que adecentar en todos os sentidos”, conclúe.

0.17344307899475